sábado. 09.11.2024
El tiempo

Apem estrea nova furgoneta

Apem estrea nova furgoneta

A Asociación Prol Enfermos Mentais (APEM) presentou o pasado venres na súa sede en Cee o novo vehículo que servirá para facilitar e mellorar os desprazamentos dos usuarios da entidade. A adquisición da furgoneta foi posible grazas á doazón realizada por Ferroatlántica, en función dun convenio de colaboración subscrito o pasado mes de xuño entre a empresa e APEM.

Co novo vehículo impúlsase a misión da asociación que é facilitar a recuperación, adaptación e integración social das persoas con enfermidade mental e prestar o apoio necesario ás súas familias.

Ao redor de corenta persoas realizan cada día actividades no Centro de Rehabilitación, mentres que unha vintena viven na residencia xestionada por APEM. Diariamente son necesarios os desprazamentos para actividades como educación física adaptada, natación, cursos de vela adaptada e distintas saídas e excursións. Ademais, cada día fanse acompañamentos para fomentar a autonomía persoal como a realización de xestións, compras, consultas médicas, etc.

Por iso, aínda que a asociación contaba xa cunha furgoneta, resultaba moi difícil compaxinar todas as actividades e os desprazamentos de todos os usuarios. Deste xeito, co novo vehículo, que subvenciona Ferroatlántica e que foi adquirido polo sistema de leasing, facilitarase a actividade tanto dos usuarios como do persoal de APEM.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de APEM.

Comentarios