Xoves. 03.10.2024
El tiempo

As Cabalgatas achegan aos Reis Magos á Costa

As Cabalgatas achegan aos Reis Magos á Costa

Unha vez que os Reis Magos xa coñecen ao Apalpador e mesmo teñen pasado unha noite conversando sobre o seu estresante traballo, xa veñen de camiño dende o mesmo Belén directos á Costa da Morte. Aquí os agardan milleiros de cativos esperando que non lles traian só carbón.

A meirande parte dos concellos da bisbarra teñen artellados nos seus programas simbólicas visitas das súas maxestades (podedes ollar abaixo o programa de Nadal do voso concello). Aquí imos repasando algunhas.

Cabalgata en Laxe

Este ano o Concello de Laxe, contando coa colaboración de varios organismos públicos e tamén de veciños e veciñas do termo municipal, programa unha especial Cabalgata de Reis. Terá lugar o xoves 5 de xaneiro cando as Súas Maxestades de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, fagan unha visita polas parroquias do Concello de Laxe acompañados dunha ampla comitiva de paxes reais. O percorrido está previsto que dea comezo as 15.00 horas na parroquia de Traba e finalmente, sobre as 17.30 horas, chegará o Polideportivo Municipal.

Alí, despois da recepción oficial, celebrarase unha grande festa infantil con carpas nas que se realizarán obradoiros, con inchables e tamén coa diversión de Andreso Pallaso. Non faltará tampouco o chocolate quente nin a tradicional rosca de reis para tódolos asistentes.

Xornada de Reis e Xogos en Muxía

O Concello de Muxía organiza para este xoves 5 de xaneiro , unha xornada de xogos e inchables no Polideportivo a partir das 17:30 da tarde para que os máis pequenos agarden a chegada dos Reis Magos, que será arredor das 19:30h da tarde, logo de percorrer as distintas parroquias do municipio.

Os Reis no Hospital de Cee

Este xoves terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis no concello de Cee. Dentro do programa de actos salientamos a visita ó hospital Virxe da Xunqueira ás 15.45 horas e tamén a visita á Gardería Municipal en torno ás 16.30 horas. A partir das 17.00 horas a Cabalgata percorrerá as rúas de Cee para chegar finalmente á Praza da Constitución onde as SS.MM., tras ser recibidas polas autoridades municipais, recibirán a tódolos nenos e nenas. Para esta actividade, o Concello de Cee, preparou un dispositivo especial no que participarán efectivos do Grumir, Policía Local e Protección Civil.

h3>As súas Maxestades por Fisterra

Ás 11:00h da mañá toca desfile por todas as aldeas acompañados de música e unha enorme carroza. Ás 16:00h horas visitarán os nen@s de Sardiñeiro e a continuación, sobre ás 18:30 horas, "Gran Cabalgata dos Reis Magos polas rúas de Fisterra" acompañados de animación de rúa coa compañía DUENDESICO e dos paxes reais.
E sobre as 19:30 horas, os Reis recibirán unha recepción no Pavillón con inchables, xogos populares, globofexia, animación...

Cabalgata por Ponteceso

O Concello pontecesán colabora nas diferentes cabalgatas que se celebrarán estes días 5, 6, 7 e 8 de xaneiro. Hoxe xoves comezarán por Corme e Ponteceso-Tella pola tarde. O día 6 comezará por Corme Aldea e seguirá polo Couto e A Graña ademais de Xornes. O 7 toca en Allóns pola tarde, e o 8 os reis estarán por Langueirón e Tallo pola maá e Cores-Nemeño pola tarde.

Os Reis Magos chegarán mañá a Vimianzo para visitar todas as parroquias do concello

Ao redor das 10.15 da mañá as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente chegarán á Casa da Cultura de Vimianzo para subirse á “carroza real” que os levará facer o percorrido polo concello. Nesta ocasión os Reis visitarán as parroquias nun “transporte” moi tradicional da nosa terra, un emblema que anos atrás era a representación do noso país e que hoxe está practicamente desaparecido da nosa paisaxe.

O percorrido comezará pola parroquia de Salto, onde está previsto que cheguen sobre ás 10.45 ao Salón parroquial. De alí seguirán camiño cara a Bamiro, Tines, Treos, Serramo e Baíñas, onde rematarán a mañá. Pola tarde seguirán o camiño, coa primeira parada en Castrelo, sobre as 15.30, continuando por Berdoias, Carnés, Cereixo, Carantoña, Calo e Vimianzo. Na capital municipal, á que se prevé que as Súas Maxestades cheguen ao redor das 19 horas, realizarán varias visitas. Os primeiros en recibir a visita real serán os nosos maiores, primeira parada no xeriátrico, ás 19 horas, e a continuación visita ao Centro de día e á Vivenda comunitaria, sobre as 19.30 horas.
Unha vez rematadas estas visitas, e tras un pequeno paseo pola vila, dirixiranse á Casa da Cultura, onde os estará agardando o alcalde acompañado dos nenos e nenas de Vimianzo. No auditorio da Casa da Cultura terá lugar a recepción e os nenos e nenas que así o desexen poderán achegarse ás Súas Maxestades para facerlles as súas peticións.

Unha vez rematada a recepción dos Reis Magos as alumnas da escola de pandeireta do concello deleitarannos cos tradicionais Cantos de Reis, a partir das nove da noite.

O mesmo xoves día 5 de xaneiro, mentres os Reis Magos visitan as parroquias, na Sala de Sesións do concello o alcalde e mais o técnico de deportes, Víctor Santos, farán a entrega dos trofeos aos gañadores dos torneos de xogos de cartas que tiñeron lugar entre os días 2 e 4 de xaneiro na Casa da Cultura: o gañador do Torneo de escoba individual e os gañadores do Torneo de tute.

Cabalgata en Zas e un pouco de teatro en Baio

O xoves 5 de xaneiro terá lugar a Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas de Zas a partir das 6 da tarde. A actuación de Roi o Cagabolos comezará ás 7 e media da tarde, tamén no Centro Socio-cultural de Zas.

E como non todo vai ser reis, aputamos a cita navideña do grupo de teatro Badius na casa. Seguindo coa tradición navideña dende fai 27 anos , o grupo de teatro Badius representará a obra "Bancagare, sucursal nº13" o domingo 8 ás 18:00hrs no salón de actos do pavillón de Baio.

Novas relacionadas

Programas de Nadal na Costa da Morte

Fonte

Comentarios