“Dá noxo achegarse á praia da Concha, un verdadeiro estercoleiro no centro da vila e moi preto do hospital público”
Hai apenas unha semana comprobamos que segue estando prohibido o baño na praia da Concha. O areal ceense segue excluído das análises da calidade da auga tras levar máis de 5 anos dando resultados negativos, á espera de que o Concello e administración autonómica tomen cartas reais arredor do saneamento. Porque a realidade é que mentres non se levan a cabo as obras de saneamento prometidas pola Xunta na ría de Corcubión, segue habendo verteduras constantes.
A pasada semana, a Asociación Mar de Fábula e o IES Fernando Blanco de Cee quixeron facerlle outro exame ao areal urbano da vila da Xunqueira. 52 alumn@s de 1º e 2º da ESO, acompañados dos responsables da entidade medioambiental e cinco docentes, participaron na avaliación do “Bo Estado Ambiental” da praia da Concha de Cee. Cómpre lembrar que os expertos da Comisión Europea consideran que un areal non debe superar 20 items por 100 metros lineais de praia, para ter a calificación de “Bo estado”. Nin a Praia da Ermida, unha das 10 que teñen bandeira azul, pasou o exame, pouco se pode esperar da Concha.
Porque os 200 metros desta historicamente unha das praias máis contaminadas de Galicia polo lixo mariño, xunto coa praia de Bens na Coruña, seguen sendo un verdadeiro vertedoiro. “A súa situación xeográfica, no fondo da ría e aberta aos ventos predominantes, tiña moito que ver no seu estado lamentable”, apuntan dende Mar de Fábula. “Daba noxo achegarse a esta praia, un verdadeiro estercoleiro no centro da vila e moi perto do hospital público Virxe da Xunqueira”, lamentan.
A pesar das limpezas que fai de cando en vez o Concello, a realidade é que “ esta praia, polas súas características, non deixa de recibir todos os días detritos plásticos dende ese grande supermercado do lixo no que temos transformado os océanos”.
Así, xusto antes de comezar o verán, foron case 700 residuos (101 botellas de plástico, 27 pezas textís, 36 latas, 93 anacos de plástico, 90 cabichas, 17 bastonciños, 295 aparellos de pesca… Un 43% provinte da pesca) os recollidos durante hora e media de traballo. Unha cifra que dá uns 346 residuos por cada 100 metros de praia, moi lonxe dos 20 fixados pola Comisión Europea. “Se a isto engadimos os milleiros de anaquiños de plástico ensacado e non contabilizados, estaríamos a anos luz dos obxectivos marcados que, hoxe por hoxe, son pura entelequia fabricada nos despachos de Bruselas”, lamentan, facendo reflexionar sobre a imaxe que dá unha comarca enteira, que trata de focalizar no turismo a súa economía.
NOVAS RELACIONADAS
- As 3 praias nas que non te debes bañar este verán na Costa da Morte.
- O alumnado de Laxe, o gran coidador do areal.
- A Praia da Ermida non pasa a nota da Directiva Europea para o Medio Mariño.
- O IES Ramón Caamaño de Muxía abriu o libro de texto que é a praia de Camelle.
- Chelonia e o IES Urbano Lugrís deixou máis limpa a praia de Seaia.