A Xunta promete que as obras de saneamento da Ría de Corcubión estarán rematadas a finais de 2023

Pasiño a pasiño avanza un dos proxectos de saneamento da historia da comarca. A Xunta preve investir 8,1 millóns de euros na rede de Cee e Corcubión, para poñer fin a un mal histórico, provocado pola non separación das redes pluviais e fecais. Unha situación que provoca vertidos aos ríos e a prohibición de baño na praia de Cee, prexudicando tamén a actividade dos profesionais do mar.
Hoxe achegouse a Cee a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, para presentarlle o proxecto integral e as actuacións da 1ª fase aos representantes do Concello de Cee e das confrarías de Corcubión e de Fisterra. Anunciou que o proxecto xa está en gase de licitación e que se espera que o contrato estea adxudicado no 1º trimestre de 2022 para empezar as obras na primavera e que estean rematadas a finais de 2023. Os Orzamentos de 2022 inclúen unha partida de 2,93 millóns de euros para este asunto.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 9 de decembro para presentar as súas ofertas aos traballos, que teñen un prazo de execución de 18 meses.
Entre as actuacións máis importantes, atópase a renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río; así como a construción dun tanque de tormentas e a execución dun colector que substituirá o bombeo das Monxas e que conducirá as augas ata o tanque de tormentas e cara á depuradora.
Indicou que tamén se habilitarán un ‘by-pass’ e un colector de vertido, que permitan que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas; e se construirá un novo bombeo ata a depuradora desde o tanque de tormentas.
O proxecto complétase coa redacción do proxecto da nova depuradora.
HISTÓRICO SOBRE O PROBLEMA DO SANEAMENTO NA RÍA DE CORCUBIÓN
- 15-10-21: O Consello da Xunta dá un novo paso para as esperadas obras de saneamento da ría de Corcubión.
- Xullo 21: 8 millóns de euros para a renovación da rede de saneamento de Cee e Corcubión.
- 13-07-21: As EDAR de Cee-Corcubión e Muxía, entre as que peor funcionan de Galicia.
- O BNG de Cee solicita unha auditoría externa das depuradoras e o saneamento do rural.
- 12-01-21: Novo paso para a EDAR de Cee e Corcubión: A Xunta licita a redacción do proxecto.
- Xaneiro 2021: A caño libre… 11 anos despois.
- 10-12-2020: Aprobado o investimento para a redacción do proxecto da nova EDAR de Cee e Corcubión.
- Novembro 2019: Preguntan á Comisión Europea se existe financiamento para o saneamento da ría de Cee e Corcubión.
- Abril 19: Ana Miranda: “É unha prioridade consignar orzamento para a limpeza desta praia e o saneamento da ría de Corcubión”.
- Marzo 19: A contaminación da ría de Corcubión, de volta ao Parlamento Europeo.
- Outubro 17: O BNG insta á Xunta a que inclúa nos orzamentos o saneamento da ría de Corcubión.
- Maio 17: A contaminación da ría de Corcubión volve ao Parlamento Europeo.
- Febreio 15: O BNG reitera no Parlamento o informe sobre o estado da ría de Cee-Corcubión.
- Outubro 14: O BNG pregunta no Parlamento pola ría de Corcubión.
- Febreiro 13: O BNG esixe o saneamento integral da ría de Corcubión.
- 2011: Unha ría eternamente pechada.