Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Entrevista con Rafa Villar, un ceense chave na renovación do BNG

Entrevista con Rafa Villar, un ceense chave na renovación do BNG

Esta pasada fin de semana o Bloque Nacionalista Galego tiña unha cita histórica. A Asemblea Nacional decidia o novo rumbo da organización. E como peza chave en todo o proceso de renovación, un ceense. Rafa Villar, líder do Movemento Galego ao Socialismo, foi clave para a vitoria da UPG ante a unión de Encontro Irmandiño-Máis Galiza. Quedando así Francisco Jorquera como candidato á Xunta e Guillerme Vázquez como Portavoz Nacional.

Queremos falar con Rafa Villar para facer un repaso á Asemblea.

  • QPC: Para comezar, queríamos preguntache como foi a participación costeira na Asemblea. Sabemos que entre os 5.000 milintantes hai moitos da Costa da Morte. Queda patente nesta clase de eventos a participación desta bisbarra ou é máis ben residual? Cres que a Costa da Morte ten un papel importante nas decisións a nivel nacional?

R.V.: Ao meu ver, a participación da xente da bisbarra da Costa da Morte na asemblea nacional do BNG foi máis que aceptábel, na medida en que a asemblea durou dous días, mañá e tarde, e iso sempre require un grande esforzo persoal e mesmo económico. En canto ao peso da Costa da Morte nas decisións a nivel nacional no BNG, non sabería ben que dicir. En todo caso, a Costa da Morte como territorio estivo sempre representada no organismo máximo de dirección, o Consello nacional, máis alá de que xente vinculada á zona esteamos ou non en postos de responsabilidade de dirección no BNG.

  • QPC: Tiña a militancia costeira unha candidatura predilecta ou reflicte a mesma división que a nivel nacional? Cales son os concellos ou as zonas con máis participación asamblearia no nacionalismo galego?

R.V.: No BNG coexisten diferentes sensibilidades internas, unhas organizadas e outras non, que explican o propio proxecto de organización plural, frontista e asemblearia que é o Bloque. Nese sentido, os e as militantes da Costa da Morte tamén son reflexo dese pluralismo, que por certo non se debe entender como “división” como se fai na pregunta, senón como signo de madureza democrática dunha organización como o BNG. En canto a outra pregunta, hoxe no Bloque cidades como Vigo, A Coruña ou Compostela, e as súas comarcas respectivas, recollen un volume importante da militancia total da organización.

  • QPC: Xa no relativo á Asemblea, podíanos facer unha valoración xeral da mesma da pasada fin de semana? Cres que o BNG sae máis reforzado e máis unido trala mesma? Non reflicten estes resultados case ao 50% e as críticas cruzadas entre personalidades históricas do partido unha clara división interna?

R.V.: A primeira valoración, na miña opinión, ten que ver co que esta Asemblea significou en canto a mobilización democrática: a participación de case 5.000 persoas é unha lección de democracia e participación. En segundo lugar, penso que é certo que foi unha Asemblea polarizada, mais tamén que o debate en xeral foi enriquecedor e máis plural do que se proxectou publicamente. En canto á división interna, eu diría que se evidenciou que o BNG non é un proxecto político monolítico feito en torno a un líder, senón unha organización plural e diversa. E agora tocaranos xestionar acaídamente ese pluralismo interno.

  • QPC: Como cabeza visible da MGS podes explicarnos en que consiste o voso proxecto político? Cales son as diferencias políticas máis significativas entre MGS e as propostas de EI-Máis Galiza e APU?

R.V.: Por resumir, o MGS é unha das correntes organizadas que opera no BNG. Somos unha organización de raíz marxista, por tanto, os nosos postulados son os da esquerda transformadora ou, se se prefire, revolucionaria. E por outra banda, representamos un sector do BNG que aposta polo soberanismo, é dicir, por construír unha Galiza independente. En todo caso, isto non obsta que poidamos traballar nunha “casa común” como a do BNG, desde o respecto ás outras sensibilidades e grupos organizados.

  • QPC: Grazas ao MGS, a APU conseguíu distanciar á corrente de EI-Máis Galiza en 7 puntos, o que indica o seu papel decisivo na asemblea. Que papel vai xogar o MGS dentro deste novo BNG?

R.V.: Pois agardo que o mesmo que vimos cumprindo até o de agora. Nós estamos por un BNG máis social, máis soberanista e máis de esquerdas. Por tanto, por un BNG que dirixe as súas mensaxes de xeito preferente ás clases populares e aos sectores máis desfavorecidos. Así mesmo, entendemos que na actual conxuntura a mobilización social é un instrumento necesario para acción política, e non pode quedar supeditada ao traballo a desenvolver nas institucións. Polo demais, dous terzos dos militantes da Asemblea nacional aprobaron un documento que parece ir nesa liña, o que para nós non é unha cuestión menor.

  • QPC: Nunha recente entrevista dicías que no "cabía pacto coa APU nunha segunda volta". Por que vos decantáchedes pola APU, finalmente?

R.V.: E que é certo, nós non pactamos con APU nin con ninguén, só coa militancia do BNG. Na asemblea o MGS deu o debate político e presentou unha candidatura propia, candidatura que obtivo 3 representantes ao Consello nacional e 1 á Executiva. O único que fixemos foi, con posterioridade, facer unha explicación de voto para a Portavocía nacional, un cargo unipersoal no que había dúas posibilidades: Guillerme Vázquez e Xosé Manuel Beiras. E optamos polo actual Portavoz, Guillerme Vázquez, apoio que argumentamos ante o conxunto da militancia. En todo caso, para nós o debate de nomes é sempre secundario ao debate de ideas, e polo tanto a nosa decisión ten a relevancia que ten.

  • QPC: EI recrimina que na túa última intervención foches moi duro con Xosé Manuel Beiras. É iso certo?

R.V.: Eu non fixen unha intervención persoal, senón unha intervención no nome do MGS. Nela, dixen literalmente que nós “apreciamos no compañeiro Xosé Manuel Beiras o seu contributo histórico ao proxecto do nacionalismo galego”. E que entendíamos que nos últimos tempos a súa actitude non estaba á altura dese contributo histórico. Foi, xa que logo, unha intervención respectuosa tanto nas formas como no fondo. O que resulta obvio é que non podía contentar a todo o mundo, pero penso que calquera cun mínimo de conciencia democrática pode encaixar sen problemas intervencións coma esta, que por suposto se dan no marco dunha Asemblea do BNG, non nos medios de comunicación.

  • QPC: Que opinas do que está acontecendo agora con Carlos Aymerich que asegura que segundo o regulamento aprobado non pode compaxinar o seu cargo de líder de Máis Galiza co da Portavocía do Parlamento?

R.V.: Se hai vontade das partes, isto non debería ser un problema no BNG. É algo perfectamente xestionable, desde o meu punto de vista. Pero, ben, teremos que ver nos organismos do BNG a vontade que hai para esta cuestión non sexa un problema real.

  • QPC: E ten arraxo isto?

R.V.: Debería telo sen maiores problemas.

  • QPC: Ti es membro da Executiva, como foi a xuntanza do pasado luns?

R.V.: Foi unha reunión de trámite para unha primeira toma de contacto. Penso que imperou a cordialidade e o respecto mutuo.

  • QPC: E que opinas que o que se fale nese órgano trascenda aos medios de comunicación?

R.V.: Sinceramente penso que é algo a evitar. A Executiva é, para entendernos, o “Consello de ministros” do BNG. E en todo Consello de Ministros as deliberacións son secretas. Dito isto, no BNG hai canles dabondo para dar os debates políticos que se queiran.

  • QPC: Na entrevista en GC queixábaste de que non se che preguntaba polo voso proxecto político. Cres que o documento político aprobado esta fin de semana representa os vosos puntos de vista?

R.V.: Obviamente na súa totalidade non, mais en todo caso nós fixemos achegas ao documento final, que foron debatidas pola militancia e algunhas incorporadas ao texto final. Tamén se incorporaron moitas outras achegas de ducias de militantes que apostaron por mellorar o documento final. A resultante do debate é un documento político que, desde o noso punto de vista, mellora substancialmente documentos anteriores. Polo tanto, nós finalmente optamos por apoiar o documento no seu conxunto, aínda coas salvidades referidas.

  • QPC: E para rematar, queríamos voltar á Costa da Morte. Como ves o camiño político que leva a Costa da Morte a nivel comarcal? Notas que a bisbarra segue algunha folla de ruta ou simplemente se deixa levar? Cres que sería necesaria aumentar a unidade entre concellos e comarcas?

R.V.: Eu penso que un dos hándicaps da Costa da Morte ten moito que ver cunha organización territorial e político-administrativo, provincial e con organismos como as deputacións, que non é válida para responder ás necesidades e demandas que se teñen. Unha comarcalización efectiva e unha mellor xestión política son elementos fundamentais para reverter esta situación. Sei que se trata de pasos complexos e máis ben a medio-longo prazo, pero en todo caso parecen fundamentais se non queremos caer nos mesmos erros das últimas décadas.

  • QPC: E a nivel particular, como vés o devir do teu Concello de nacemento (Cee)? Notas atisbos de cambio?

R.V.: Comezarei por dicir que respecto a vontade dos ceenses que co seu voto decidiron quen debía ser alcalde –en minoría- este período. Tamén espero, en todo caso, que a Xustiza sexa implacábel con quen defrauda a vontade dos cidadáns e, no amparo do seu cargo, obra de xeito ilexítimo. Dito iso, penso con absoluta sinceridade que Cee merece algo mellor e que seguramente moitos dos políticos que representan aos cidadáns deste concello non están á altura dos mesmos. Tamén confío en que, máis cedo ca tarde, Cee volva ser coñecido polo moito que de positivo ten, que por unhas institucións de goberno local tan pouco edificantes no seu comportamento.

Un resumo en vídeo

E da man dos nosos compañeiros de Galicia Confidencial, deixamos un vídeo de Tingalaranga co acontecido na ASemblea Nacional do BNG.

Outras entrevistas de Rafa Villar

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios