Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Escola de Música de Cee inicia o seu 26º curso con 10 mestres e moita ilusión

Imaxe dunha alumna nun festival de música de Nadal da escola
A Escola de Música de Cee inicia o seu 26º curso con 10 mestres e moita ilusión

Arrincou o novo curso 2022-23 na Escola de Música Municipal de Cee. Faino 26 anos despois de comezar a súa andaina educativa no colexio Eugenio López. Do único profesor que imparía clases naquel 1996, pasamos aos 10 mestres titulados superiores da materia que ensinan e impártense 13 especialidades instrumentais. Un cuarto de século, pasando do mítico edificio da Alameda á Casa da Cultura, sempre medrando.

Foron moitos os alumnos que pasaron polas mans do director Fernando Fraga e o resto de docentes, nos que de seguro queda a afección pola música nos seus corazóns.

Os actuais alumn@s (dende os 5 anos en adiante) van disfrutar de contar coa Banda da Escola de Música, que serve de perfecto cabalo de batalla con actuacións ao longo do ano en pasarrúas, procesións, concertos, gravacións. Toda unha experiencia musical para os instrumentistas que a integran que lles permite tocar non só pola Costa da Morte, senón por toda Galicia.

O propio director lembra que son moitos os que ao saíren da escola ceense amplían a súa formación superando as probas de acceso dos conservatorios profesionais e superiores da contorna, como son os de Carballo, A Coruña ou Santiago; presentándose a concursos dalgunha especialidade instrumental, como é o caso de dous alumnos que gañaron por dous anos consecutivos o certame de acordeón de Ponferrada; asistindo a cursos de perfeccionamento instrumental, etc.

Sexa como for, outro ano máis a escola de música de Cee segue tocando e formando.

Comentarios