Venres. 03.05.2024
El tiempo

Daniel Romar Sambade creará un clavicémbalo para Fundación Fernando Blanco coa madeira do abeto grego caído por un temporal

Modelo de Clavicémbalo a elaborar
Modelo de Clavicémbalo a elaborar
Daniel Romar Sambade creará un clavicémbalo para Fundación Fernando Blanco coa madeira do abeto grego caído por un temporal

O pasado 17 de outubro un dos temporais provocaba a caída dun abeto grego centenario do xardín botánico do Instituto Fernando Blanco de Cee. Había curiosidade por saber en que se ía empregar a noble madeira deste exemplar, e mesmo houbo propostas de convertila en arte. Tivo que vir unha delegación de técnicos da Consellería de Educación, a quen está cedido o recinto educativo, para analizar as posibilidades nunha reunión co Padroado da Fundación e do equipo directivo do I.E.S. Fernando Blanco (que informaba de que se facía cargo dos danos ocasionados no muro.

Danos causados pola caída
Danos causados pola caída

Entre as ideas, a elixida foi a do luthier, compositor e teórico da música, Daniel Romar Sambade. O cense propuxo construír, a cambio da madeira, un clavicémbalo, e doalo, sen custe, para a Fundación. O clavicémbalo a replicar será un modelo orixinal flamenco (Países Baixos) do ano 1638 do construtor Ioannes Ruckers de Amberes, conservado no Instrument Museum St. Cecilia ́s Hall de Edimburgo. O instrumento será entregado á Fundación dentro de aproximadamente 18 meses (tempo necesario para o serrado de táboas, secado, mecanizado e elaboración do clavicémbalo).

Ademais reservarase un tramo dunha das polas para que un artista poida elaborar unha talla simbólica coa idea de colocala no lugar onde o abeto estaba plantado, así coma tamén un anaco do tronco para que dende o club de ciencias do Instituto poidan datar con exactitude a idade do abeto segundo os aneis de crecemento (dendrocronoloxía).

A proposta de Daniel Romar foi do agrado de tódolos asistentes á xuntanza por diversas razóns: pola beleza do instrumento a elaborar que enriquecerá o patrimonio da Fundación; por tratarse a madeira do abeto grego moi apreciada na luthería de instrumentos musicais de corda; pola conexión da peza coas ensinanzas musicais impartidas no Instituto Fernando Blanco dende a súa inauguración; e por tratarse Daniel Romar dun artista local.

Daniel Romar Sambade. Luthier, compositor e teórico da música

Titulado Superior en Composición e Teoría da Música. Aínda que sempre estivo vencellado á música, xa dende ben novo amosou fascinación polo traballo coas mans, o que o levou, co paso dos anos, a interesarse pola luthería (concretamente polos clavicémbalos), chegando a formase en Londres con Malcolm Rose, aínda que recoñece que só no que ten que ver cos aspectos técnicos xerais, “porque neste oficio hai segredos que os mestres levan á tumba polo feito de ser un negocio”. Así Romar sostén que os coñecementos mais intrínsecos e fundamentais débellos ao Doutor Darryl Martin, conservador do Museo Nacional da Música de EEUU e profesor da Universidade de Dakota do Sur. Segundo expresa o luthier de natural do Ézaro e empadroado en Cee “toda a súa paixón xurde a partir do profundo amor e devoción pola música e figura de Johann Sebastian Bach, o cal influiume de tal xeito, que obsesioneime por replicar o mais exactamente posible os instrumentos que tocaba e para os que compoñía”.

Novas relacionadas

Comentarios