Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Luís Díaz, da panadería Os Ancares: "Na panadería a xente ten que ir entrando de un en un"

Persoas agardando a quenda na panadería Os Ancares de Cee - Foto de Fran Hermida
Persoas agardando a quenda na panadería Os Ancares de Cee - Foto de Fran Hermida
Luís Díaz, da panadería Os Ancares: "Na panadería a xente ten que ir entrando de un en un"

Nestes momento somos moitos os que permanecemos nas nosas casas de corentena, intentando traballar e conciliar da mellor maneira posible ante esta crise sanitaria. Mais ben sabemos que outros non teñen a posibilidade de facelo, e teñen que saír para estar ao pe do canón.

En QPC abrimos unha serie de conversas con varios profesionais que día a día teñen que seguir a pe de rúa, expoñéndose así á posibilidade de contaxiarse e sufrir de primeira man as súas consecuencias.

Xa vimos como o están a levar as nosas enfermeiras do Hospital Virxe da Xunqueira ou Marcela Canosa, na gasolineira. Hoxe falamos con Luís Díaz, xerente da panadaría Os Ancares, outros deses servizos de primeira necesidade que seguen de cara ao público.

Díaz comenta que tanto el coma os outros 5 traballadores que conforman a panadaría están levando a cabo un protocolo para evitar os contaxios.  “Estamos utilizando tanto guantes como mascarillas e estamos gardando a distancia de metro e medio tamén”, afirma o xerente.

Segundo afirma o xerente, de momento non hai ningún produto en concreto co que a xente estea arrasando, tal e como está a pasar co papel hixiénico nos supermercados. As compras adoitan ser as habituais, aínda que recoñece que a sección de pastelería non está sendo a máis solicitada. “Máis ben a xente está comprando pan e empanada, pastelería menos porque os aniversarios e esas cousas, como non se poden facer reunións, xa non levan tartas nin nada”, declara Díaz.

O medo ao contaxio é inevitable mais o xerente recoñece que os seus clientes están a seguir bastante ben as indicacións que ordenou o Ministerio de Sanidade, pois,segundo indica, si que nota certa histeria colectiva. Ademais, estableceron un protocolo de atención ao cliente: “Na panadería a xente ten que ir entrando de un en un. Cando entra un, outro espera na porta, e despois os que están esperando fóra, teñen unha separación de polo menos un metro entre eles”, explica Díaz.

Unha estampa que moi ben recolleu Fran Hermida nunha imaxe que sacou este domingo pasado.

 

Comentarios