María Lado, a ceense cunha Cuncha de Ouro
Fixo historia esta noite de sábado o filme “O Corno”. A primeira peli en galego que gaña a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián. O Corno conseguiu o premio máis importante, á Mellor Película, convertindo a Jaione Camborda na primeira directora española que acada o máximo galardón do festival.
A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás, no que é o seu debut no cinema, e conta no seu reparto cunha actriz moi especial, a polifacética ceense María Lado. "Mui emocionada por participar co meu granciño de area neste proxecto tan bonito", cóntanos, como previa a unha conversa que manteremos ao longo da semana!
A directora donostiarra afincada en Galicia, ao recoller o premio da man da presidenta do xurado, a cineasta Claire Denis, quixo compartir o premio con Andrea Vázquez (Miramemira) e María Zamora (Elastica Films), produtoras canda ela do filme. E reivindicou a diversidade “que non fai máis que enriquecernos e facernos máis libres”.
O CORNO está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, vese ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas.