O filme costeiro 'Sica' chega este venres aos cinemas logo da súa preestrea en Carballo

Sica, a coprodución galego-catalá dirixida por Carla Subirana e rodada na Costa da Morte que competiu nos festivais de Berlín e Málaga, chega este venres 19 de maio aos cinemas con 50 copias en versión orixinal galega que se poderán ver en toda España. En Galicia o filme exhíbese en 25 cinemas comerciais, entre eles o Cines Bergantiños (Carballo), os Cines Xunqueira (Cee); os Cantones Cines, os Cinesa de Marineda City e os Yelmo de Espacio Coruña (A Coruña), emais nos Cines Numax e As Cancelas (Santago).
O equipo do filme celebrou este xoves a súa a súa preestrea oficial en Carballo, nun acto que comeza ás 20h nos Cines Bergantiños e conta coa presenza da directora Carla Subirana, a actriz Núria Prims, e os tres actores adolescentes da Costa da Morte Thais García Blanco (15 anos, de Cabana de Bergantiños, protagonista da película no papel de Sica), Marco Antonio Florido Añón (16 anos, de Carballo, interpreta a Suso) e María Villaverde Ameijeiras (18 anos, de Vimianzo, interpreta a Leda). Acompañounos na presentación do acto Xavi Font, un dos produtores da película e autor tamén da banda sonora, xunto con Jacobo Sutil, director de AGADIC, e Xaime Arias, director de proxección social da Televisión de Galicia.
Máis de 250 persoas asistiron a esta preestrea, a maioría delas persoas que colaboraron dun xeito ou doutro coa produción de Sica: equipo técnico, figurantes –moitos deles mariñeiros e percebeiras da Costa da Morte que se interpretan a si mesmos no filme–, xunto con ducias de proveedores e colaboradores da comarca.
Proxeccións para institutos
Antes, na mesma mañá de xoves, os Cines Bergantiños acolleron un pase especial para o alumnado do CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños, onde estuda Thais García Blanco, a actriz protagonista de Sica. Os rapaces tiveron un animado coloquio coa directora do filme, Carla Subirana, a actriz catalá Núria Prims, o produtor Xavi Font e a propia Thais García.
Con esta proxección queremos inaugurar o percorrido que a película Sica terá por centros educativos da provincia nas vindeiras semanas, e presentar os materiais educativos dispoñibles na web www.omundodesica.org.
NOVAS DO FILME
- Abril 23: Xa está aquí o trailer de Sica
- Marzo 23: O film SICA, e Thais García Blanco triunfaron no Festival de Málaga.
- Febreiro 23: Sica levou a Costa da Morte ata a Berlinale.
- Decembro 22: O filme Sica levará a Costa da Morte á Berlinale.
- Xaneiro 22: O filme “Sica” levaranos polos anos 90 da Costa da Morte.
- Decembro 21: A Costa da Morte acolle a rodaxe da peli ‘Sica’, da directora catalá Carla Subirana