Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As mulleres da Buserana celebraron os seus 21 anos de loita feminista cun emotivo acto

Acto da Buserana en Cee
As mulleres da Buserana celebraron os seus 21 anos de loita feminista cun emotivo acto

Emotivo aniversario o que celebrou esta fin de semana a Organización de mulleres Buserana. A entidade cumpliu 21 anos, e como os 20 cazaron en plena pandemia, non quixeron perder a ocasión de botar unha mirada atrás para poñer en valor todos os avances conseguidos gracias ás súa accións.

Saíu un acto redondo, sinxelo e emocionante, con lembranzas, historias, danza, poesía e música, cunha gran accolida da veciñanza de toda a comarca na Casa da Cultura de Cee.

Arrincaron as mulleres da entidade facendo un repaso da historia da organización explicando as distintas etapas da Buserana, e comezando polos duros inicios (que non todo foi un camiño de rosas) aló por 1999, cando Mari Carme Arnoso, Chicha Martínez e a finada Pepa Fandiño (houbo sentida lembranza para ela) decidiron poñerse mans á obra para que o feminismo non partidista tivera espazo na sociedade costeira.

A propia Chicha lembrou aqueles comezos “con moitas gañas e ilusión, e con moito por facer”, coordinándose coa Marcha Mundial das Mulleres. Pero non quixo esquecer que eran tempos en que “o feminismo e as actividades protagonizadas por mulleres non eran de interese da prensa e da sociedade, e eran ignoradas, ou cuestionadas e criticadas”. “No primeiro 8 de marzo decidimos convocar unha festa de mulleres, para celebrar o noso día, o día das nosas reivindicacións, para festexarnos. Acudiron máis homes ca mulleres, curiosos e tamén indignados. E a prensa deu un trato non só crítico, senón insultante, ás nosas actividades. Custou chamadas, entrevistas e cartas ás directivas conseguir unha desculpa e un seguimiento das nosas actividades exento do filtro machista dos primeiros xornalistas”, explicaba Chicha.

Cun emotivo recordatorio a aquel histórico 8 de marzo de 2003 no que Fisterra e Cee se convertiron no centro feminista do país, no marco das loitas polo Prestige, foron avanzando na súa historia, dando conta dos bos momentos e importantes accións arredor do 8M, o 25N, os encontros, os faladoiros, as manifestacións, e ata a consecución dun espazo para reunirse despois de 19 anos de espera. Como non podía ser doutro xeito, as históricas mobilizacións polo 8M de 2019 e 2020 que supuxeron unha revolución a nivel mundial do movemento feminista, tamén foron lembradas en imaxes.

21 aniversario da Buserana

En clave cultural, impresionaron as xentes do Baile de Brens ao son da música de Xabier Díaz, así como as poesías de Concha Blanco, por exemplo, en homenaxe a Marcela e Elisa. Mentres, Antía retratou o momento nun cadro.

Máis emocionante aínda foi a clausura coa música dunha emocionada Adhara Caamaño. A Cuncheira de Sofán respresenta como ninguén a forza e valentía das mulleres da Buserana.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios