O IES Fernando Blanco ponse de Olimpiada e de prácticas
Doble nova temos hoxe arredor do IES Fernando Blanco. Se por un lado, o centro está inmerso na 2ª edición da Olimpíada Cultural O Saber ten Premio, por outro, os alumnos de FP comezan as súas prácticas en 30 empresas da zona.
II Olimpiada o Saber ten premio
Este ano estase a celebrar a 2ª edición da Olimpíada Cultural O Saber ten Premio, no IES Fernando Blanco de Cee. Trátase dun concurso cultural que se enmarca dentro das actuacións do Contrato-Programa que asinou o noso instituto coa Consellería de Educación.
Na Olimpíada Cultural participan 9 equipos formados por 5 alumnos e alumnas cada un, dos distintos niveis educativos que se imparten no IES Fernando Blanco (2 de bacharelato, 2 de ciclos formativos, e 1 da ESO, CUALE, PCPI ou EPA).
Cada departamento didáctico deste centro elaborou 50 preguntas tipo test con varias opcións de resposta. Con estas preguntas, o profesor das TICs, programou un xogo informático “O saber ten premio”. O xogo consta de 616 preguntas tipo test que versan sobre contidos das distintas ensinanzas, niveis e materias impartidas neste centro. Podemos atopar preguntas de todo tipo: mecánica, música, xestión administrativa, filosofía, linguas, matemáticas, historia, xeografía, química, etc.
A Olimpíada Cultural desenvólvese mediante unhas eliminatorias nas que participan tres equipos en cada unha, os tres equipos mellor clasificados serán os que pasen á final, na que terán que participar no xogo de preguntas. Os dous equipos que obteñan maior puntuación participarán nun Debate, determinándose así o primeiro, segundo e terceiro premio. Os tres equipos finalistas recibirán premios en metálico.
Dende logo un gran xeito de fomentar o interese nos alumnos.
A FP segue medrando
Un total de 48 alumnos e alumnas de ciclos formativos do IES Fernando Blanco empezan este 9 de abril de 2013 o seu período de prácticas nas empresas. Cando rematen esta formación nos centros de traballo, a finais do mes de xuño, serán avaliados no IES Fernando Blanco obtendo así a titulación correspondente.
Trátase de 17 alumnos do Ciclo Superior de Administración e Finanzas, 6 alumnos do Ciclo Medio de Xestión Administrativa, 8 alumnos do Ciclo Medio de Electromecánica de Vehículos, 7 alumnos do Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas e 10 alumnos do Ciclo Medio de Instalación e Mantemento Electromecánico de Maquinaria e Condución de Liñas.
As empresas e organismos colaboradores tanto da comarca como de fóra, coas que se asinou contrato de colaboración para que acollan a este alumnado son as seguintes: NovaGalicia Banco, Concello de Fisterra, Concello de Corcubión, Seguros Mapfre, Asesoría Fiscal Goas, Suministros LAR, Santitel SL, Mon Xestión e Asesoramento, Ferroatlántica SA, Seguros Costa da Morte SL, Asesoría Estudio 20, Registro de la Propiedad de Corcubión, Asesoría Lema e Asociados SC, Carromeiro SL, Tour Line Express, Filma Administración de Fincas y Mantenimiento de Edificios, Talleres Os Muíños SL, Auto Reparación Vidal SL, Taller Marcauto SC, Taller Yáñez SL, Taller Alfasa, Senra Sport SL, Talleres Lema Rodríguez SL, FM Motor SC, E.ON Iberia Services SL, Osmos, Instalacións Eléctricas Fidalgo, Instelvi Electricidad SLU, Industrias Cerdeimar SL, Ingesan, Integral Management Future Renewables SL.
Novas relacionadas
- 2 equipos do IES Fernando Blanco na final do concurso Young Business Talents.
- 2012: Un grupo de alumnos do IES Fernando Blanco na Final do Young Business Talents.
- En marcha as Becas Fernando Blanco.
- Aprendendo a valorar lingua portuguesa dende o Instituto.
- Os usuarios de Aspadex fanse mecánicos co FP do IES Fernando Blanco.
- Dous todoterreo da Garda Civil para facer prácticas no IES Fernando Blanco.
Fonte
- Nota de prensa da Dirección do IES Fernando Blanco.