Onde quedou a fábrica de tubos de Cee?
Aínda esperamos na Costa da Morte por esa fábrica de tubos que tiña tanta presa por instalarse na ría corcubionesa. Hoxe, é o grupo da Asemblea Nacionalista de Cee, a que se pregunta pola situación do porto de Brens, i é que xa vai máis dun ano cando os representantes do Ente Público Portos de Galicia mantiveron unha reunión cos representantes de Cee na que espuxeron o interese da empresa austríaca por instalarse na ría, acompañado dun Plan de Usos para o porto de Brens.
Foi o e 23 de agosto de 2012, cando Portos publicou no DOG a “Delimitación de espazos e usos portuarios do Porto de Brens – Cee”, que contén, ademais dos usos da propia zona portuaria, a cualificación do solo e os usos permitidos en toda a marxe esquerda da ría, nos terreos que no seu día ocupou a SICAR.
O 7 de novembro dese mesmo ano celebrouse un Pleno no Concello de Cee para aprobar unhas alegacións a ese Plan de Usos presentado por Portos. Toda a corporación, agás os tres concelleiros nacionalistas, o grupo ANC, aprobou esas alegacións, en base, fundamentalmente, a que preferían un uso residencial para esa área de Cee.
Posteriormente , o 21 de febreiro deste ano, o pleno rexeitou unha moción presentada por IxCee e Psoe para que se tiveran en conta esas mesmas alegacións.
Así nos poñemos en setembro de 2013, máis dun ano despois de que Portos publicase a súa proposta de delimitación, e "aínda non temos noticia de que resolveu. Mesmo se chegou a falar de que os tubos estrían fabricándose neste mesmo mes de setembro de 2013", critican.
"Estamos ante un tema crucial para o desenvolvemento futuro do noso concello e toda a comarca. Consideramos que esta actitude de inacción de Portos de Galicia é moi perxudicial para Cee", denuncia ANC. "Tomen a determinación que tomen non ten sentido agardar máis", pois "a decisión tamén é transcendental a nivel urbanístico, posto que da decisión que se tome dependerá a ordenación do territorio do concello. Mentres non se saiba, non ten sentido continuar cos traballos de redacción das normas urbanísticas".
Por iso, solicitan a Portos de Galicia que "resolva dunha vez cal van ser os usos do Porto de Brens".