O Presidente de Portos, único garante da chegada da fábrica de tubos de Cee


Segue o antigo porto da Fenlla esperando pola fábrica de tubos xigantes. Unha polémica instalación que basea nos seus 15 postos de traballo o posible impacto que teña sobre a ría. Coas posicións encontradas de todos os poderes ceenses: a favor dos partidos do grupo de Goberno, a favor con matices do BNG, coa petición de información de AGE e co rexeitamento frontal dos mariscadores, parece que a súa chegada, que se advertía inminente, se retrasa.
De feito, o tempo era un dos argumentos que esgrimía a empresa austríaca Agru para nin sequera debatir a súa ubicación, unha vez que ata o propio grupo de goberno prefería a zona de Brens que as do Cubiles, nos antigos estaleiros da Sicar, onde está programada.
En decembro falaban de que a factoría estaría en funcionamento en verán, algo que xa parece imposible pois xa levamos 3 meses sen novas da empresa.
Ante o silencio, foi onte o Presidente de Portos, José Juan Durán, o que se postulaba como " garante persoal" de que a empresa cumplirá co pactado. E o fixo no Parlamento tras unha pregunta da deputada carnotá do PP Marisol Piñeiro. Durán non puxo en dúbida o apoio da Xunta e deixou caer a súa idea sobre os que manteñen unha posición contraria ao proxecto: "ninguén con dous dedos de fronte" pode opoñerse a que "empresas se instalen en Galicia".
Para rematar, e cando levamos escoitando dende o primeiro día que serán 15 os postos de traballo creado, Durán falou de 20 ou 30- E lamentou que a día de hoxe aínda Portos non recibiu ningunha solicitude formal para a instalación da factoría.
Novas relacionadas
- 12-04-13: O BNG pide que a suposta chegada da fábrica de tubos traia o saneamento da ría.
- Hermanager Humor: Warning! Tubos Xigantes!.
- 04-03-13: AGE pide un estudio sobre a fábrica de tubos xigantes.
- 21-02–13: O pleno de Cee rexeita as propostas da fábrica de tubos pola falta dun concelleiro da oposición.
- 19-02-13: Os mariscadores da Zona V rexeitan a localización da fábrica de tubos.
- Piden máis información e critican a ubicación da factoría de tubos xigantes de Cee.
- O Concello de Corcubión protesta pola fábrica de tubos xigantes.
- 05-12-12: A factoría de Tubos xigantes estará funcionando o vindeiro verán na zona da SICAR.
- O Comité de Empresa de Ferroatlántica apoia a factoría de tubos pola carga de traballo do porto.
- CIG, BNG e Edís Nacionalistas apoian a construción da fábrica de tubos na SICAR.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- EP.