Stoupa festexa o seu terceiro aniversario con dúas novas exposicións en Cee e Santiago
Aí seguen, tras #36MesesStoupando, mantendo viva a arte e a cultura na Costa da Morte. Begoña Fdez. Paz e José Carlos Leis Caruncho continúan apostando por esta forma de unificar a arte e a artesanía costeira. Xa son máis de 3 anos tecendo fíos nun complicado mundo no que cada artesán e/ou artista soe barrer para o seu propio curruncho. Eles barren para o de todos facendo unha incalculable labor de posta en valor da nosa cultura contemporánea.
E para celebrar o terceiro aniversario, están armando dúas exposicións. #StoupaÉCostaDaMorte no mercado compostelán La Galiciana e unha segunda colectiva, #36MesesStoupando, na súa galería ceense. Dende un dos puntos estratéxicos da capital galega busca dar a coñecer multitude de produtos artesanáis e 100% Costa da Morte, selo distintivo da entidade.
Ata Santiago achegaron cousas como a cerámica fantástica da man de Eloy Mancebo e cerámica funcional de Nacho Porto. As meninas galegas de Carmen Isabel, complementos para o fogar ca artesanía de Nano Uzueta, así como de moda cos Sancosmeiros da Asociación cultural de Antes e os bolsos de Redeiras. Esculturas de Guillermo Lourido e Nando Lestón e mesmo a papiroflexia de Mimadriña e un anaco de historia a través das cartas mariñas de Pepe de Olegario e a súa cartografía.
Na exposición de Cee #36MesesStoupando, como en todas as mostras colectivas de aniversario, están expostas obras e produtos representativos dunha trintena de autores, artesanos e emprendedores da Costa da Morte colaboradores de Stoupa.