Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Tesouros da Fundación: Fonógrafo de Edison

  • Inventor: THOMAS A. EDISON (1847 – 1931)
  • Cronoloxía: 1890 – 1891
Fonógrafo de Edison da Fundacion Fernando Blanco
O Fonógrafo de Edison da Fundacion Fernando Blanco
Tesouros da Fundación: Fonógrafo de Edison

O fonógrafo de Edison, mercado en París durante o curso de 1890 – 1891 é, posiblemente, a peza que amose con maior claridade o avanzado e novidoso material didáctico co que se contaba no Instituto Fernando Blanco de Cee, pois só trece anos despois de ser ideado, o centro educativo ceense contaba xa cun exemplar dun aparello que revolucionaría o mundo da acústica.

FONÓGRAFO DE EDISON copia

O fonógrafo de Edison consta esencialmente dun cilindro rexistrador de cobre, disposto horizontalmente, e sostido por un eixo rematado nun manubrio.

O cilindro pode moverse mediante o paso de rosca ou parafuso aberto nun extremo do eixo, xirando e avanzando ao mesmo tempo.

Este aparello, ideado por Thomas Alva Edison no ano 1877, rexistra primeiro, e logo reproduce, os sons musicais e a palabra articulada emitidos diante del.

Sobre o cilindro metálico, que presenta unha regaña helicoidal, adáptase unha folla de papel de estano ou de cobre. O son que se quere gravar fai vibrar unha membrana situada no fondo da embocadura cónica, e esta, a súa vez, un punzón que deixa a súa pegada no papel metálico.

Se despois colocamos o cilindro na súa posición inicial, e o facemos xirar, reprodúcense na membrana os sons inscritos que, xeralmente, se amplifican cunha bucina. O aparello vai montado sobre unha base de ferro.

O inconveniente principal do sistema de Edison era a práctica imposibilidade de obter duplicados dos cilindros mediante moldes, o que dificultaba a difución de ditos cilindros para ser comercializados.

O fonógrafo é o precedente do gramófono e do tocadiscos, sistemas usados ao longo do século XX para escoitar música.Fonografo de Edison Publicidad

O inventor

EDISON E O SEU FONÓGRAFO NO 1878
Edison e o seu fonógrafo en 1878

O estadounidense Thomas Alva Edison foi un dos inventores que mais contribuíron a modificar a vida do home moderno. Os mais de 1000 inventos que patentou transformaron de xeito drástico os costumes e hábitos de consumo das sociedades industrializadas. Do mesmo xeito, Edison foi unha figura clave na consolidación da nova investigación tecnolóxica. Investigador incansable e inquieto, traballou en campos tan diversos como a óptica, a acústica ou a electricidade.

A lámpada de filamento incandescente é, quizais, o invento que máis celebridade outorgou a Edison. A súa fabricación masiva permitiu abaratar de forma considerable a obtención de luz.

Dende 1889, Edison interesouse cada vez máis polo cinematógrafo. Usou unha tira de película do tipo Eastman, substituíndo a ríxida peza de cristal clásica por unha película flexible, sobre cuxos bordes aplicou unhas perforacións que permitían que varias rodas dentadas a fixesen xirar a suficiente velocidade para facer imperceptibles as descontinuidades entre fotografías.

Creou tamén unha película sonora experimental na que a imaxe estaba coordinada co son dun disco fonográfico. Máis adiante, no 1912, publicou, na revista Scientific American, unha descrición da técnica Kinemacolor; invento que permitía obter unha imaxe animada con cores naturais reproducidos fotograficamente.

Agora ben, tan importante como os seus inventos foi a actitude que Edison asumiu fronte á invención tecnolóxica. El representaba a unha nova xeración de investigadores que desprazaron aos vellos inventores mecánicos dos séculos XVIII e XIX. Esta nova actitude fronte a invención técnica levou a Edison a crear, en 1876, o primeiro laboratorio de investigacións industriais, precursor dos modernos centros de experimentación tecnolóxica, organizados en torno a equipos de científicos, técnicos e especialistas.

ul>

Comentarios