Traballadores de Ferroatlántica maniféstanse contra a posible “segregación encuberta” das fábricas e as centrais

Concentración convocada polo Comité esta tarde de venres ás portas de Ferroatlántica

Os movementos das últimas semanas da dirección de Ferroglobe fai que os traballadores do grupo desconfíen dunha posible venda, a Ferrovial, das fábricas de ferroaliaxes e das centrais hidroeléctricas, para realugar a explotación das fábricas á propia empresa. Un proceso que non sería outra cousa que unha segregación encuberta (rexeitada pola propia Xunta), que acabaría provocando ao peche das fábricas, pois todo o mundo recoñece que as fábricas son rendibles gracias ás centrais.

Nesa situación, a mobilización entre os sindicatos continúa, e esta mesma tarde traballadores/as de Ferroatlántica concentráronse diante da fábrica de Brens contra "os especuladores" da enerxía e na defensa do futuro industrial da comarca.

A protesta, convocada polo comité, chega logo dos últimos movementos que se están a detectar no complexo industrial e nas centrais, até onde se trasladou persoal de Ferrovial hai unhas semanas para recompilar información. Esta visita dunha empresa que xa anunciou publicamente o seu interese por adquirir os saltos de auga, confirma que o Grupo Villar Mir teima na venta da centrais e pretende consumar unha segregación encuberta, pois Ferrovial, sen relación co mundo das ferroaliaxes, só estaría interesada no negocio da produción eléctrica.

O Comité esixe a Xunta que se manteña vixiante e que evite esa posible segregación encuberta, ao tempo que lamenta a desinformación que sofren os traballadores por parte dunha dirección que aínda tampouco executou o ERTE, e que mantén dous fornos parados.

Novas do co conflito #Ferroatlántica