XEAL volve rexeitar proceso de mediación ante a pasividade da Xunta
- Os traballadores volven a manifestarse este xoves en Compostela

Unha vez máis, a dirección da XEAL volve rexeitar o proceso de mediación solicitada pola representación social co obxectivo de retomar a negociación do convenio colectivo propio. “Con esta decisión, a dirección evidencia unha vez máis a súa total falta de vontade de diálogo e que o seu único obxectivo é recortar os dereitos que os traballadores e traballadoras e o persoal pasivo tiñan recoñecidos dende hai décadas”, lamenta o Comité.
Así, as condicións laborais dos traballadores da empresa réxense polo convenio do metal, de moitos menos dereitos “avanzando na precarización das condicións laborais, salariais e sociais porque o único que lle interesa á empresa é obter tallada do negocio enerxético, non manter a produción das fábricas nin o emprego”.
O Comité lamenta tamén “a pasividade da Xunta de Galiza ante o reiterado incumprimento das cláusulas concesionais, consentindo e amparando o espolio dos nosos recursos para que capital estranxeiro obteña millonarios beneficios coa produción de electricidade, mentres as fábricas permanecen sen actividade, sen os investimentos comprometidos e perdendo postos de traballo”.
Mobilizacións
Para denunciar a situación o Comité continúa co seu calendario de mobilizacións, e este xoves, 13 de outubro, ten convocada unha nova manifestación ás 10:30 horas dende o edificio administrativo de San Caetano até ás dependencias de Augas de Galiza. Con esta mobilización quérese exixir información clara e concreta sobre o estado dos expedientes dos proxectos presentados por XEAL para incrementar o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e para o proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña.
TODAS AS NOVAS RELACIONADAS CON XEAL
- Os traballadores de Xeal volverán á folga.
- 29-09-22: Os traballadores de XEAL berraron as súas eternas demandas na orella da Xunta.
- 1 de setembro: Os traballadores de XEAL arrincaron en Compostela a nova serie de mobilizacións.
- Agosto 2022: O comité de XEAL solicita reunións cos grupos parlamentares, concello de Mazaricos e a Xunta.
- Agosto 22: O Comité de XEAL volve denunciar o intento de segregación entre a produción hidroeléctrica e industrial.
- Agosto 22: Unha estación de bombeo ameaza a riqueza natural do monte da Ruña, o cumio máis alto da Costa da Morte.