O Concello de Corcubión volve pedir unha reunión coa Xunta para esixir a apertura do Centro de Día
Non desiste a veciñanza, pero tampouco o Concello de Corcubión. Uns días despois da xuntanza veciñal para presentar a nova Plataforma "Xuntos polo Centro de Día de Corcubión", o alcalde de Corcubión, Francisco Xabier Domínguez Traba, volveu a solicitar unha reunión á conselleira de Política Social, Fabiola García, para esixir a apertura do Centro de Día.
Desde o Concello lembraron que se trata dun servizo moi demandado pola veciñanza e que as instalacións para acollelo xa están listas desde hai anos.
No último ano, o rexedor corcubionés pediu en varias ocasións xuntarse tanto coa mandataria autonómica como co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para abordar o tema. Este último recibiu en xullo a membros do equipo de goberno e representantes dos grupos da oposición, e trasladoulles a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día.
Por iso, Xabier Domínguez insistiu na necesidade do volver a reunirse coa conselleira e manifestou que “levamos tetando dar solución a este asunto desde que entramos a gobernar, e a Xunta debe facerse cargo de abrilo”. O mandatario corcubionés subliñou que “o goberno galego carece totalmente de sensibilidade social e saben que esta comarca non ten prazas de centros de día”.
“É un servizo moi necesario, pois moitas familias non teñen posibilidade de conciliar a súa vida laboral e familiar”, concluíu o alcalde de Corcubión.