Corcubión inicia unha campaña de recollida de firmas para reclamar á Xunta que abra o Centro de Día

Veciñanza na Capela do Pilar de Corcubión

Boa acollida tivo a reunión informativa convocada este venres polo Concello de Corcubión para informar do estado do proxecto do Centro de Día de Corcubión. Con todo, non estiveron presentes os membros da activa Plataforma Xuntos polo Centro de Día, que levan axitando o asunto nos últimos meses dende a sociedade civil. Si acodiu Luís Corral, un membro do colectivo, pero a título persoal, pois o resto da plataforma decidiu non acodir ao non seren invitados formalmente.

Equipo de goberno de Corcubión

O equipo de goberno informou á veciñanza do estado da situación, sinalando que xa teñen realizado os trámites esixidos pola Xunta, e que cargou contra o goberno autonómico por ter asegurado que Corcubión non solicitara formalmente o centro.

O alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez Traba, afirmou que “dende o equipo de goberno seguimos firmes co compromiso de abrir o Centro de Día e de que o Consorcio Galego de Benestar asuma a súa xestión, e volvemos a pedir unha cita coa conselleira de Política Social, que ata o de agora non tivo a ben recibirnos”.

O goberno destaca, así mesmo, que é necesario que a Xunta xestione “un Centro de Día público de calidade, para que ninguén quede atrás, e todos e todas teñan as mesmas posibilidade de acceder a este servizo, teñan a pensión que teñan, e sexa cal sexa a súa situación económica”. "Existe un clamor do pobo de Corcubión demandando este servizo tan importante, esperemos que nos escoiten".

Recollida de sinaturas

O equipo de goberno do Concello de Corcubión vén de anunciar que inicia unha campaña de recollida de firmas para demandar á Xunta  que abra e xestione o Centro de Día no edificio que dende hai anos está listo para tal fin. O executivo municipal vai pór a disposición da veciñanza, para ser asinado, un escrito nos establecementos comerciais e hostaleiros da localidade. Ademais, organizará operativos na Praza Castelao para acadar firmas, que logo serán entregadas na Consellería de Política Social.

Unha recollida que xa foi proposta no seu día pola Plataforma, dende onde esperan que sexa de índole comarcal.

Histórico do Centro de Día