Fin de semana cultural e comprometido en Corcubión
Varias actividades organiza o Concello de Corcubión esta fin de semana.
Presentación na Biblioteca
Ademais do grupo de lectura aberto dinamizado pola bibliotecaria Isabel Soneira, a Biblioteca Municipal de Corcubión quere manter unha cita mensual co público lector a partir da presentación de libros de autores e autoras.
Neste marco o próximo mes de decembro, desde a Biblioteca Municipal, van realizarse dúas citas co libro, as correspondentes a novembro e a de decembro.
O venres 1 ás 18h haberá unha cita de espíritu moi local para adentrármonos na historia da nosa propia ría da man do historiador e investigador Vicente Bernal Tortosa que nos falará de dúas obras súas: Carromeiro chico: historia de una baliza de leyenda (2021) e El legado del torpedero Habana (2023).
Para o venres 29 de decembro ás 18,30h, xa en pleno Nadal contaremos coa presencia do autor Ricardo Seixo Fernández para presentarnos o seu poemario “Pousos de natureza” (2022) acompañado polo grupo Maraxe que interpretarán cancións tradicionais.
Cita especial coa Memoria Histórica
O sábado 2, ás 19:00h na Casa da Cultura, tera lugar ademais a presentación de libro moi exclusiva vinculada coa Memoria Histórica do Pai. Nunha cita organizada pola Asociación Boca de Sapo coa colaboración do Concello, preséntase o último libro do investigador Luis Lamela, A loita dos perdedores (2023) na que o autor tenta contribuír á creación dunha imaxe máis humana da loita guerrilleira antifranquista.
O mesmo sábado 2 ás 18h e previa á presentación do libro de Luis Lamela haberá tempo para honrar as vidas arrebatadas polo franquismo, neste caso a de Pepe Miñóns. De mentalidade revolucionaria e un gran espírito progresista, Pepe Miñóns nado en Corcubión, iniciaría unha carreira industrial á fronte de diversas empresas, encamiñando máis tarde os seus pasos cara á política e sendo deputado da Unión Republicana nas Cortes durante a Segunda República. Desenvolveu e loitou por varios proxectos que favoreceron o desenvolvemento da nosa zona que quedarían inacabados ou esquecidos durante parte da época franquista debido a súa prematura morte. Pepe Miñones foi fusilado o 2 de decembro de 1936 sen que moitos dos seus familiares coñecesen as razóns do seu aprisionamento e condena.
Xunto ao monumento, esculpido en pedra polo artista local Adolfo Crego inagurado no ano 2000 coincidindo co centenario do nacemento de Miñóns celebrarase unha ofrenda floral na que participará o actual Alcalde de Corcubión e membros da Asociación Boca de Sapo, grupo que leva impulsando e reivindicando este memorial desde fai anos. Estan invitados a honrar a memoria de Pepe Miñóns toda a veciñanza.