Domingo. 13.10.2024
El tiempo

O BNG pide compromiso aos Concellos coa loita da pesca artesanal

O BNG pide compromiso aos Concellos coa loita da pesca artesanal
Marineiros da Costa da Morte en Corcubion o pasado sabado-Foto-Alex Lopez

Este sábado 29 de novembro, como os 3 pasados, os armadores, patróns, e mariñeiros procedentes dos portos de A Coruña, Laxe, Camelle, Fisterra, Corcubión, O Pindo, Muros ou Porto do Son, volverán concentrarse a partir das 11:00h no peirao de Corcubión para seguir pelexando pola defensa da pesca artesanal. Pero ademais de nas rúas, a loita tamén se celebra no eido da política, e se os máis partidos máis importantes se deciden no Parlamento Europeo, os concellos do país tamén teñen voz. O de Corcubión xa está ao tanto, e agora, o BNG asegura que vai levar o asunto a cada pleno.

Concretamente pide o BNG comarcal que “os Concellos da Costa da Morte apoien as reivindicacións do sector da pesca de baixura artesanale que reclaman a eliminación de Tacs e cotas para a pesca artesanal fronte ao modelo de pesca industrial. Ademais, que a Xunta de Galicia esixa diante do Goberno estatal a exclusión do plan de xestión da sardiña as artes tradicionais como o xeito ou racú, betas,... ou do contrario que exerza as competencias propias de Galiza en augas interiores e proceda a autorizar a pesca da sardiña para outras artes distintas ao cerco”.

Xustas reivindicacións

Entre as súas reivindicacións, o sector manifesta sentirse vítima inxusta e sufrir os danos colaterais, das políticas emanadas pola UE que somete as principais especies das que depende a flota artesanal, de artes menores a Tacs e cotas, a xarda, o xurelo, a pescada, a raia, ou o abadexo, na que esta flota polo seu pequeno tamaño representa unha escasa incidencia no total de capturas. Na práctica non se ten en conta o modelo artesanal, propio do noso País, ao que se lles aplica uns criterios de capturas igual que a pesca industrial, no que sae claramente perxudicado en función do menor tamaño da embarcación.

As embarcacións menores, as de artes tradicionais, son as que se deberían blindar, pois son as que máis emprego xeran e son máis sostibles, sen embargo, saen máis prexudicados que a pesca peláxica industrial, do arrastre ou do cerco, facéndoas inviables económicamente.

A reforma da PPC introduce maiores criterios de pesca respectuosa e sostible pero na práctica, beneficia a grande pesca industrial e prexudica e sentencia o futuro da pesca artesanal, querendo ignorar a súa fundamental importancia económica en poboacións costeiras rexionais altamente dependentes da pesca, coma é o caso de Galiza. Mentres se prohibe o dereito dos nosos pescadores a pescar sardiña, (Orde do 15 de xullo de 2014 do Estado español), a Xunta permanece ausente, pois nin exerce presión en Madrid para modificar esta Orde nin é quen de facer valer as súas competencias en augas interiores que exclúe a aplicación da normativa estatal e europea. O modelo de pesca que sustenta a UE de Tacs e cotas supón que acumulan dereitos de pesca e cotas de pesca as grandes embarcacións, mentres o perden as tradicionais, o que supón a desaparición do modelo galego.

O BNG entende que “as medidas deberían ir no sentido contrario, e naquelas Zonas Altamente Dependentes da Pesca, e con demostrada tradición histórica, non só se deberían articular decisións políticas de protección da pesca tradicional coma o non sometemento a Tac e cotas senón que se debería destinar axudas para por en valor esta actividade como xeradora de postos de traballo, e como modelos sostible fronte ás capturas procedentes da pesca industrial”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios