Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O Concello de Corcubión non gaña para sustos

O Concello de Corcubión non gaña para sustos
Concello de Corcubión

Novidades, variadas, arredor do Concello de Corcubión. Un Concello sumido na parálise xeral, e que nos últimos días veuse alterado por varios asuntos.

O primeiro, e o máis grave, é unha nova imputación, unha vez que o alcalde xa está inmerso na Operación Orquesta. Trátase de, nada menos, que a do edil Louro País, segundo de a bordo no PSOE corcubionés, que declarará como imputado no Xulgado de Corcubión o vindeiro martes en relación coa chamada Operación Forest. Louro País, é dos 15 imputados, este como empregado do Banco Pastor en Vimianzo, así como outros ex directores do Banesto ou de La Caixa. Louro Pais, cabeza visible na Costa da Morte da nova corrente “Novo Socialismo”, conta co total respaldo da Agrupación do PSOE local.

Piden a demisión dos imputados

E mentres, o BNG vai pedir a demisión dos imputados pola Operación Orquesta (como xa fixeron en Fisterra)nun pleno convocado para este xoves 2 de maio ás 20:00h. Supoñemos que o grupo da oposición vai engadir a petición desta nova imputación.

Para o BNG, "a súa situación procesual provoca alarma social, desconfianza dos veciños e veciñas e dana a imaxe da institución municipal, ademáis se dimite poderase defender sen comprometer a xestión cotiá do noso concello". Ademais, "considera que o alcalde non pode permanecer no absoluto silencio despois do auto do xuiz, dado que esta grave coxuntura require obligatoriamente unha explicación ao pobo e ao pleno da corporación, el é o representante do noso concello, non un veciño máis."

E ten palabras para Marisol Soneira o voceiro local Oscar Insua: "A señora deputada do PSOE non se entera de nada e fala de oídas, dado que o BNG nunca xudicializou a vida política en Corcubión, nunca demandamos a ninguén, ao contrario, eu si que fun demandado polo actual alcalde, por eso lle recomendo que se informe antes de abrir a boca e que non fale do que non sabe, como acostuma a facer ás veces”.

Sentenza sobre os orzamentos

Mentres, e noutro dos procesos xudiciais nos que está inserido o Concello de Corcubión, o TSXG desestima o recurso contencioso administrativo que a CIG abriu contra o Concello de Corcubión con motivo da aprobación dos orzamentos do 2012.

O grupo de goberno aproveita para criticar que "cando a defensa da legalidade laboral vixente dun sindicato muda en defensa de anteriores privilexios dun grupo afín ao poder, e cando se utiliza un sindicato para facer oposición política os resultados son malos para todos".

Ademais, consideran que "dende o ano 2003 as condicións dos traballadores municipais, e por tanto dos servizos que prestan á cidadanía, melloraron de forma exponencial".

Novas relacionadas

Outras novas

Fonte

Comentarios