O especialistas solicitan unha sondaxe arqueolóxica na estraña formación circular do Cabo C
Proxecto da Piscifactoría do Cabo C
A recuperación por parte da Xunta dos proxectos piscícolas no noso litoral deixa varias zonas en alerta. Touriñán, Quilmas, Arou e o Cabo C volven á actualidade como posibles lugares para novas ou ampliacións das granxas existentes. Por Quilmas continúan en loita coa súa revolución do sacho, por Touriñán é a USC e as entidades ecoloxistas as que apuntan o ilóxico do proxecto, por Arou parece que o rexeitamento social tamén é evidente. Pero que pasa en Corcubión? Por que ninguén fala do proxecto da piscifactoría do Cabo C?
Parece que os veciños propietarios están encantados coas propostas que prantexou o Concello. Pero non así os amantes da arqueoloxia da zona e os consultados de todo o país. De feito, o investigador incansable Jano Lamas nos achegaba ata alí para que viramos de primeira man a estraña formación circular que hai na zona do Cabo C. E se fóra un Campamento viquingo?, pregutábase o mestre Lamas, máis interesado no mero feito dar a alarma para conseguir unha exploración, que de acertar na calidade da formación.
Esta semana é o investigador e divulgador Manuel Gago o que vén de retomar o asunto dende o seu blog "Capítulo 0", calificando de "enigmática" a formación circular do Cabo corcubionés. Gago fai fincapé no asunto unha vez que en calquera momento a Xunta poderá dar luz verde á construción da piscifactoría polo que faría falta alzar a voz antes de que as máquinas acaben con todo vestixio.
Máis testemuñas
Outro dos que se teñen achegado ata a zona é o catedrático Fernando Alonso Romero. Alonso destaca que no saínte rochoso coñecido como Posta Herba, se observan os restos dunha muralla circular duns 100 metrso de diámetro, con superficie interior plana. Alonso Romero apunta que pode ser un "asentamento da Idade Media, semellante ao que construían os viquingos durante os seus asentamentos temporais na espera da chegada do bo tempo para regresar aos seus países de orixe".
O catedrático solicitou así unha exploración arqueolóxica á Dirección Xeral de Patrimonio, afirmando que ademais atoparon varios restos de cerámicas de complicada datación, sen descartar que o poboado tivera orixe nórdico.
Un campamento viquingo na Costa?
Así nos preguntabamos en QPC que faríamos na Costa se verdadeiramente se atoparan vestixios dun campamento viquingo na nosa bisbarra. Pero para sabelo o primeiro e fndamental que habería que facer sería unha cata arqueolóxica.
Para o propio Gago, a estraña formación circular do Cabo C non ten por que significar un campamento viquingo. Pero "unhas sondaxes cautelares meréceas", facendo fincapé nas evidencias arqueolóxicas que presentaran un par de arqueólogos da zona. De feito, asegura que noutras zonas, como en Irlanda, estanse levando a cabo excavacións con moita menos "documentación e prospección xeofísica".
Gago apunta que poderíamos falar dalgún elemento da época altomedieval, da Idade do Bronce, ou mesmo algunha estrutura agraria do séulo XIX (se ben considera que gandeira non debe ser pola escaseza de auga na zona) pero que calquera valoración sen as sondaxes indicadas é inútil. "Non serei eu quen negue tal posibilidade sen dispor de evidencias, pero hai moitos máis escenarios posibles", asegura Gago á hora de valorar se pode ser ou non un campamento viquingo.
Novas relacionadas
- Touriñán, Quilmas, Arou e o Cabo C volven esperar as piscifactorías
- A Xunta abre as portas ás piscifactorías en zonas de Rede Natura.
- Repaso ao Proxecto da piscifactoría do Cabo C.
- Un campamento viquingo na Costa?.
- Recunchos da Costa: O cabo C.
Fonte e máis información
- Capítulo 0, de Manuel Gago: A enigmática estrutura do Cabo C en Corcubión.
- Redacción de QPC ([email protected]).