O Transporte Integrado volve cruzarse coa Xornada Única dos CEIP de Coristanco
Pasan os anos e seguen repetíndose as mesmas demandas dos colexios da comarca. Como acontece dende 2019, o Transporte Integrado está sendo o único obstáculo para aprobar a Xornada Única do CEIP de Agualada-Bormoio e no CEIP Xosé Pichel de Coristanco. Unha medida máis que necesaria en materia de conciliación, como o denuncia a ANPA do centro de Agualada, que non entende que os horarios dos autobuses sexan máis importantes que o benestar dos rapaces e as familias., así como dos 13 profesor@s.
Ambos centros enviaron un proxecto común para acondicionar os horarios dos buses á Xornada Continua. No caso do de Agualada, o Consello Escolar e o Claustro aprobaron a Xornada Continua, incluída a Concelleira de Cultura do Concello de Coristanco, superando as 3/5 partes da votación.
Agora, para facer realidade o paso á xornada continua, faltaría, antes dunha votación entre as familias (o centro xa fixo unha enquisa que supera con creces o 58% necesario para aprobar definitivamente o cambio), o Informe favorable do Servizo de Transportes da delegación provincial. E parece que aquí veñen os problemas, unha vez que as familias cren que a Xunta vai volver poñer os mesmos atrancos que hai 2 anos, tendo en conta que as primeiras respostas que recibiron volveron facer fincapé no “custe a maiores” que implicaría a adaptación dos horarios do transporte, algo que as familias entenden como irrelevante.
O mesmo horario que en xuño e setembro
O que menos entenden as familias é que o horario da xornada continua coincidiría co que xa está aprobado para os meses de xuño e setembro. É dicir, durante o curso a xornada partida ten un horario de 10:15 a 13:30 e de 15:30 ata as 17:00h, absolutamente complicado de conciliar coa vida laboral. Pero é que de xuño e setembro, o cole si que asume un horario de 9:45 ata 15:25, co transporte adaptado a este horario.
”O horario que pedimos e o mismo que temos os meses de xuño e setembro, puidendo poñer extraescolares para os nenos que o necesitaran pola tarde. Por que non se pode poñer ese horario de bus todo o curso?”, pregúntanse dende a ANPA.
Un cole e unha ANPA moi activa
O centro coristanqués é un centro pequeno pero tremendamente activo. Os seus 50 alumn@s non paran de facer actividades singulares gracias á ANPA e ao compromiso dunha dirección comandada por Olalla Formoso.
Este ano, a matriculación volveu ser pequena, e só hai 3 novas matrículas para 3 anos, sendo precisamente o horario un dos problemas que botaron para atrás a varias familias. Esta cifra podería supoñer o recorte dunha das dúas unidades de Infantil do centro.
En calquera caso, o centro continúa facendo accións como o demostra o seu Perfil de Facebook “CEIP Bormoio-Agualada” e o de instagram @comedoragualada.