As 5 praias da Costa da Morte onde non é aconsellable bañarse este verán
- A praia de Estorde recupera a calidade "excelente" das súas augas
O ano pasado eran 7 as praias da Costa da Morte onde non te deberías ter bañado. Segundo a Axencia Europea do Medio Ambiente, que vén de sacar o seu informe anual sobre a calidade das augas de baño, baseándose na presencia de bacterias de orixe fecal, procedentes habitualmente da falta de saneamento.
Este verán poñen a axencia pon o foco en 5 areais, que volven suspender o exame de calidade: as praias camariñás de Camelle e Area da Vila; as ceeses de A Concha e Lires; e a muradá Praia Virxe do Camiño (Muros).
Concretamente, na Concha (que tivo que ser limpada polo alumnado do Manuela Rial ante a parálise municipal) e Camelle, o cartel é rotundo: “Prohibición permanente do baño”. Mentres, na Virxe do Camiño e Area da Vila, o Sergas é máis benévolo e sinala un “Recoméndase non bañarse”.
Imaxe aérea da Area da Vila
Caso singular de Lires
O caso de Lires é paradigmático, pois ademais de perigosa (véxase o rescate da semana pasada), a auga non está tan limpa como parece. O Mapa de zonas de Baño do Sergas xa non contempla a súa análise, despois de estar 5 anos con datos de mala calidade de augas sen que as administracións fagan nada por solucionalo.
Só calidade “boa”
Segundo o Sergas, a meirande parte das augas das nosas praias son excelentes. Pero ademais dos puntos vermellos das praias de Camelle, Camariñas, Cee e Muros, sinala como puntos amarelos (auga de calidade “boa”) as praias malpicás Area Maior e Seiruga; a camariñá de Lingunde; a praia carballesa de Razo, as carnotás do Pindo e Corna Becerra (Quilmas); a pontecesá Arnela; e as muradás da Rocha e o Cabo.
As conversións
O ano pasado fora Sardiñeiro o que recuperara a súa excelencia. Este ano tamén Cee é protagonista das boas novas, da recuperación da calidade das augas de Estorde, que volve ter auga de calidade ˝excelente” tralas obras realizadas na desembocadura do regato.