A ASOAR-ARMEGA volve ser a voz da pesca artesanal en Bruxelas ante a Comisaria María Damanaki


A entidade radicada en Corcubión, Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA) volverá ser a voz do sector da pesca artesanal en Bruxelas. A entidade ten previsto viaxar o vindeiro mércores 22 de xuño a capital europea para asistir a unha conferencia na que transmitirán perante o Parlamento Europeo da Pesca os problemas e dificultades que está a atravesar a pesca artesanal derivados das políticas, normas e esquemas fixados polo Parlamento Europeo da pesca. Unhas normas vistas dende o sector "de difícil aplicación" polas súas características e peculiaridades, e que están a dificultar a actividade dos pescadores artesáns.
O propósito do evento é o de establecer as bases para a introdución das propostas da Comisión Europea para reformar a Política Pesquera Común da Unión Europea. No acto, para que vexan do nivel do que estamos a falar, e no que participará o secretario da ASOAR, o corcubionés José Luis Rodríguez, está previsto que tamén interveñan (se Rodríguez llo permite):
- Callum Roberts, un científico moi coñecido, que falará sobre a situación dos stocks de pesca e como teñen diminuído.
- A Comisaria de Pesca: María Damanaki.
- Guus Pastoor: presidente da Asociación Europea de Comercializadores e Procesadores de Pescado.
- Tony Long - Director de WWF.
Un logo traballo
Esta intervención vén froito do traballo que esta Entidade está a levar a cabo coa colaboración de GREENPEACE coa fin de que a pesca artesanal teña o trato xusto e mercedor no marco das políticas europeas. Xa os vimos o pasado mes de novembro no mesmo Parlamento europeo e agora voltan para alzar, de novo e un pouco máis, a voz dos máis pequenos: a pesca artesanal.
Dende a entidade consideran "este encontro moi positivo para o sector da pesca artesanal, xa que será unha ocasión única na que poder transmitir de primeira man ante a Comisaria de Pesca o sentir desta flota e as dificultades que está a atravesar, así como facerlle chegar aquelas propostas que pensamos son necesario aplicar na futura PPC, coa fin de que a flota pesqueira artesanal non se vexa discriminada polas normativas futuras e sexa situada como unha pesquería de futuro".
Novas relacionadas
- 22-11-10: A Asoar – Armega defendeu a Pesca Artesanal en Bruxelas.
- ASOAR-ARMEGA segue levando o mar ás Escolas.
- Un novo premio ao Traballo Digno da Asoar-Armega - Un repaso ao completo traballo da entidade.
Máis novas
- Abelleira prepárase para a súa particular invasión pirata.
- O Pindo decláralle o seu amor ao mar nas VI Xornadas de Pesca.
Fonte
- Nota de prensa de ASOAR-ARMEGA.