Martes. 30.11.2021
El tiempo

Adriana Mourelos: “Marabíllame esa sensación que dá a vosa Costa, é realmente especial"

Adriana Mourelos
Adriana Mourelos, unha das voces da SER
Adriana Mourelos: “Marabíllame esa sensación que dá a vosa Costa, é realmente especial"

Hoxe sacamos do seu hábitat natural a xornalista, productora e locutora de programas como "Hablar por Hablar" e actualmente "El Faro" da Cadena SER, Adriana Mourelos.

 
  • A.G.: Resides en Madrid, naceches en Lugo e o corazón está en?

Supoño que o máis doado é dicir que nos dous lugares. Estou convencida de que non sería quen son se non nacera en Lugo: levo demasiado desta cidade dentro e a miña forma de ser é galega, pero Madrid deume as oportunidades, a vida dos meus fillos e o amor.

 
  • A.G.: De pequena, o teu soño era ser xornalista?

Sí, eu tiña claramente vocación. Vin á miña nai lendo no periódico, onde me ía ensinando a ler tamén, e quixen saber quen facía aquelo. Cando mo explicou enseguida me pareceu algo marabilloso e quixen facelo.

 
  • A.G.: Entraches de becaria na SER, e xa máis de unha década seguides xuntos, foi amor a primeira vista?

Enlazando coa pregunta anterior, eu sempre quixen ser xornalista para escribir, nunca pensara na radio ata que nos invitaron a uns cantos pequenos a Radio Lugo para ler os relatos cos que gañaramos un concurso. Aí xa me chamou a atención e moitos anos despois, fixen as prácticas en Radio Nacional de Lugo porque pensaba que tiña que probar de todo. Así que cando voltei daquel verán e vin as prácticas na SER fun directa. O caso é que pensei que non me colleran e que me chamaban de volta porque deixara unha bufanda alí (moita xente considera isto unha boa galeguidade histórica: hai que darse máis a valer). Dende entón estou dentro e feliz: vou facer catorce anos na casa da esponxa amarela e só podo dicir que a radio me fai realmente feliz e xa me sinto na casa.

 
  • A.G.: Televisión, YouTube, Twitch, plataformas de películas e series, pero a radio non pasa de moda ten algo máxico non?

Eu creo que non pasará de moda, ou non sei se é que quero crelo, pero realmente a radio é un medio que se adapta moi ben a todo: que non se escoita en directo, facemos podcast, que a xente quere imaxe: facemos algún video, pero o caso é que esa maxia de que alguén che fale e te acompañe esteas facendo o que esteas facendo, e ademáis te informe e che faga aprender cousas mentres podes non estar case atento, eso só o ten a radio. Fíxate nas últimas novas: en Filomena, por exemplo, foi a radio a primeira, foi a radio a que estaba aí.

 Adriana Mourelos 2
  • A.G.: "Hablar por Hablar" era un programa especial, moita xente cóstalle desconectar do seu traballo cando volve a casa, ti como o pasabas nesa época?

Dende logo que era especial… Para min foi algo moi grande poder formar parte dese programa que escoitaba ás agochadas cando aínda non tiña idade para atender a segundo que cousas. Custoume moito poder durmir cando voltaba a casa e pasei por tódalas fases: ler moito, ver películas, desaiunar varias veces… o que mellor funcionaba era irme de cervexas cos meus compañeiros. Madrid un martes ás cinco da mañá é algo que habería que coñecer ó menos unha vez na vida.

 
  • A.G.: Imaxínaste as chamadas que poderiades estar recibindo actualmente durante a pandemia?

Non quixen facer ese exercicio, porque a radio estivo igualmente e as persoas sentíronse acompañadas, polo menos os oíntes que nolo fan saber. Eu creo que a radio é a que ten que estar, chamémoslle como lle queiramos chamar…

 
  • A.G.: E na pandemia volveches a maternidade, como vivichedes o embarazo nesta situación tan complicada?

Foi bastante raro e bastante duro polos medos e a falta de movemento, pero o certo é que pasalo na casa e vivir o parto en parella e sen ninguén ó redor tivo moito de especial, aínda que non quede ben dicilo: hai momentos na vida que son realmente íntimos e tal vez isto pode servir como aprendizaxe, ó mellor hai que darlle unha volta a eso da familia toda no hospital cando nace un neno… Saiu todo ben e ó final era o único importante.

 
  • A.G.: Como boa galega, eras unha seguidora do Xabarín Club. Agora de nai, vés moitas diferenzas dos debuxos de antes os actuais?

Seguidora e fanática. Sigo cantando as cancións na casa, sigo buscando vídeos e sigo reivindicando a calidade de vida intelectual dos nenos que nos criamos escoitando aquelas bandas boísimas de rock cantando cancións para nós e na nosa lingua. Iso agora non o atopo para os meus fillos, e non creo que o que ven sexa mellor.

 
  • A.G.: Se che digo Costa da Morte, tes vivencias propias na nosa zona?

E quen non… recordo moito as explicacións de Fisterra e do fin do mundo e tamén que cando estás alí entendes perfectamente que o pensaran: podería ser o fin do mundo ou o principio de outro que nada teña que ver con este. Marabíllame esa sensación que da a vosa costa, é realmente especial.

 
  • A.G.: Agora toda a enerxía en "El Faro", para os que aínda non son ointes, como o describirías?

É un formato moi innovador, idea de Mara Torres, que mistura perfectamente e como ela moi ben explica, dúas partes claras: as voces expertas e as voces experimentadas: os entrevistados e os oíntes. Todos forman parte coa mesma importancia dun programa de radio que se constrúe cada día sobre un tema distinto, coa dificultade pero tamén coa maxia que esto significa.

 
  • A.G.: Na Costa da Morte hai faros con moita historia, a ver se un día te animas a facernos un guiño.

Non só me gustaría facervos un guiño, querería que pasase a pandemia, ter tempo suficiente e facer esa viaxe despacio e desfrutando moito de cada faro e de cada historia. E de cada plato en cada bar da zona.

Entrevistas semellantes

comentarios