Domingo. 13.10.2024
El tiempo

Axenda de Entroidos na Costa da Morte

ÚLTIMA HORA |  Por mor da chuvia, Dumbría apraza o seu tradicional concurso de Entroido ata o próximo domingo, día 10 de marzo.

Este ano toca en marzo o entroido. Pero chega máis cargado de nunca. E como en QPC queremos que saibades cando son as citas, repasamos concello a concello todas as citas singulares do entroido da Costa da Morte. Dende os concursos de comparsas seculares como os de Fisterra, Carballo, Cee, Dumbría, ou Muros, así como eses enterros singulares, básicos na tradición costeira.

Axenda Entroidos Costa da Morte 2019
Axenda de Entroidos na Costa da Morte

Así e todo non aguantou este veranciño que levamos nas últimas semanas, e viviremos un entroido pasado por auga. Unha vez máis.
Segundo nos conta Meteogalicia, a partir deste venres xa comezará a chover pola tarde, despois dunha mañá de nubes e claros. Non será unha fronte moi activa pero algo de auga si que caerá. 

O sábado, seguramente, aguantará sen chover, pero cun día gris e húmido. E lamentablemente teremos un domingo de entroido desapacible, con forte vento do sur (seguramente con avisos) acompañado de moita chuvia, sobre todo pola tarde.  
O luns pode que sexa un día de transición entre frontes, sen chuvia pero con vento, pois o martes volve unha fronte que deixará de novo moita auga.

O Entroido de Fisterra, o máis auténtico e retranqueiro

Entroido Fisterra 2019 copia

O Entroido máis auténtico da Costa da Morte ten garantido o relevo xeracional. Este martes 5 de marzo volveremos vivir a oda á retranca fisterrá, co Gran Concurso de Comparsas do Entroido, máis sagrado que a Resurrección, como rezaban as comparsas o ano pasado. O pavillón municipal encherase para disfrutar cas coplas retranqueiras e coreografías que completan auténticas actuacións dignas da Gran Vía.

Antes, o venres xa comezan as actividades polas escolas, e o sábado haberá ungran desfile coas 4 comparsas participantes: as fisterrás  "Tortugas y Peces", e “Os da Charca” e “Os Trotamúsicos”, e a ceense Mamma Mía. O presentador será Cayetano Lledó, o mago galego que este ano acadou o 4º posto no campionato mundial de ilusionismo que tivo lugar en Corea do Sur.

Ademais, o Concurso Infantil de disfraces realizarase o domingo 3 de marzo ás 17:00h na Praza da Constitución.

 

Domingo de Entroido en Dumbría

Cartel Entroido Dumbria hor

Se o martes de Entroido hai cita fixa en Fisterra, o sur da Costa ten cita fixa o Domingo en Dumbría. Xa está en marcha o Entroido 2019 no concello de Dumbría que se celebrará o domingo 3 de marzo a partir das 17:00h na carpa. Un Entroido que cada ano bate marcas (o ano pasado participaron 8) i é que hai máis de 2.000€ en premios. Este ano volverán ser as risas as protagonistas pois o lema é “Deus nos dea humor”

 

Entruido de Mazaricos

CARTEL_ENTRUIDO_19____Volve o gran Entruido das Asociacións a Mazaricos. A saída do Exército dos Panos será o sábado 2 ás 16:30 desde o recinto feiral. Á volta haberá merenda entruideira de balde con inchables e campionato de xogos populares por idades. Ás n21:30 da noite haberá cocido en San Cosme de Antes. O día 5 de marzo ás 6 da tarde haberá correduría solidaria de Entruido que sairá do colexio público de San Cosme e pasará por San Cosme, Xunqueira, Pazos e Grille para rematar con merenda no colexio.

Ademais, de venres a domingo hai a ruta “Mazaricos é tapas”. Os locais EFE EME, Casa Senra, Parrillada California, Pizzería Vinculeiro, O Verxel, Casa Jurjo, Café Bar Alborada, Asador Manduca, Casa Pego, O Barallas e Parrillada Liverpool poñerán os seus fogóns a andar para ofrecer os mellores manxares en forma de petisco.

 

Entroido filloeiro de Zas

Entroido Zas 2019

O entroido zasense arrancará cos obradoiros infantís que se desenvolverán os días 4 e 5 de marzo entre as 11:00 horas e as 13:00 horas no Centro Sociocultural de Zas e no de Baio. Estes talleres son gratuítos e están dirixidos a nenos e nenas de 4 a 12 anos. Para participar é necesario inscribirse nos números de teléfono 981 751 398 ou 981 718 056.

E xa na tarde do 5 de marzo, martes de entroido, concentraranse a maior parte das actividades.A partir das 16:00 horas, o pavillón municipal de Zas abrirá as súas portas para que os máis pequenos desfruten da tarde coas sesións de xogos, talleres de maquillaxe e inchables. A troula continuará a partir das 19:00 horas, hora á que comeza o tradicional concurso de disfraces no que  se repartirán 1.170 euros en premios  e centos de filloas entre todos os asistentes.

 

Entroido do Caietano de Laxe

Entroido de Laxe 2019 copia

A historia do Caietano de Laxe é desas que hai que vivir e contar. A tradición dos enterros de Bergantiños obrigou a finais da pasada década á veciñanza de Laxe a ter o seu propio protagonista. E dende 2008 celebran un simpatiquísimo Caietano, que se alza, dende as tabernas, coa alcaldía, para falecer subitamente pouco despois.

Así, se o sábado 2 xa hai comparsas, o domingo 3 de marzo, ás 17:30 sairá da Casa do Concello ata a Praza Ramón Juerga a comitiva de entroido inaugurada polo alcalde Caietan, con música e baile da man do Tren da Unha.

O Enterro do Caietano será odomingo 10, co velorio a partir das 18:30h na Casa do Concello, procesión ata a Praza Ramón Juerga, misa oficiada polo Bispo ante as viuditas; e queima no areal. Cómpre chorar moito.

 

Concurso de Comparsas e Enterro do Facundo no Entroido de Muros

Entroido Muros cartel 2019

Dúas citas son especialmente simbólicas no Entroido de Muros. O domingo 3 terá lugar un vivido concurso de comparsas, con varios dos grupos que triunfan por toda a zona.

Ademais, a cita máis singular, é o mércores 6 de marzo, coa auténtico Enterro do Facundo.

Entroido do percebe en Muxía

entroido Muxia 2019 copia 2

A Gran festa do Entrodo de Muxía é o sábado 2 de marzo a partir das 17:00h no pavillón, unha cita presentada polas Rexoubeiras da Costa.

Pero a cita máis singular, sen dúbida, é o Enterro do Percebe, que será o sábado 9 de marzo a partir das 19:00h con saída do Edificio de Servizo Múltples e percorrido do cortexo fúnebre ata a Queima que se dará na rambleta cunha gran chocolatada.

Feira e movida no Entroido de Santa Comba

Entroido Santa Comba 2019 copia

O Entroido de Santa Comba chega con variedade de opcións. O sábado 2 haberá Feira do Entroido, con 6 horas de festa musiqueira e pasabares coa charanga Mekánica dende as 12:00h. Ademais, a partir das 21:00h, sábado de movida polos pubs.

O domingo toca festa familiar no Recinto Feiral, a partir das 16:00h.

Concurso de Comparsas do Entroido de Vimianzo e Baíñas

Entroido Vimianzo 2019 copia

Este sábado 2 de marzo terá lugar o tradicional Concurso de Comparsas de Vimianzo, a partir das 17:00h no Pavillón Municipal despois do desfile polas rúas. O de Baíñas queda para o sábado 9, xa en horario máis nocturno, a partir das 20:30h.

Luns de entroido en Camariñas

Entroido Camariñas 2019 copia

O acto central do Entroido de Camariñas será outro ano máis o Concurso de Comparsas, que se celebrará o luns, 4 de marzo, e que nesta edición aumenta a contía dos seus premios repartindo 2.800 euros en total.

O concurso consistirá nun desfile, con saída ás 20 horas da Praza do Concello e que percorrerá as rúas Avenida da Coruña, Ambrosio Feijoo, Rúa do Medio, Areal e Avenida Eugenio López ata chegar ao Pavillón Municipal, onde ás 21 horas comezará a actuación sobre o escenario.

O entroido percorrerá tamén as parroquias. O sábado, 2 de marzo, na Ponte do Porto. O domingo, 3 de marzo, será a quenda para Xaviña. O luns, 4 de marzo, e por último, o martes 5 de marzo, a festa terá lugar ás 17 horas no Pavillón Municipal de Camariñas.

Entroido en Carnota

Entroido Carnota 2019 copia

O venres 1 de marzo, ás 17:00h arrinca o entroido en Carnota coa Festa de Entroido, sen concurso pero con inchables, refrescos, lambetadas e discoteca móbil.

A partir de aí o entroido espállase polas parroquias. O sábado 2 de marzo, no Pindo. Ás 17:00h, saída do tren de Entroido da Praza da Solaina coa comparsa Pindexa, que percorrerá O Pindo, Quilmas, Panchés e A Curra. E ás 21:30h, Cea-baile de Entroido “Anos 20” (ARCD Pedramar).

O domingo 3 de marzo, dende as 11:30 h ata as 18:00 h, vai o Tren BVE (Baixa velocidade) polas parroquias do concello. O luns 4 de febreiro, de 11:30 a 13:00 h, a Casa do Concello, acolle un Obradoiro de Regheifas.

Entroidos de Ponteceso e Corme

Entroido Ponteceso e Corme 2019

Ponteceso e Corme celebran boas festas de Entroido. O sábado 2 de marzo toca o Entroido Mariñeiro en Corme, con sesión vermú na II Festa dos Follados. Haberá degustación de tapas salgadas e de postres. Pola tarde ronda cos Farrapos de Cesullas, e pola noite verbena. O pavillón de Corme acollerá tamén unha festa infantil na tarde do martes 5.

O domingo 3 será a cita no Pavillón de Ponteceso, con desfiles e actuacións e moita gastronomía típica.

Martes de Entroido de Cabana

Entroido cabana 2019

En Cabana, a cita forte dase o Martes de Carnaval, cunha sesión completa no pavillón, con hinchables, obradoiros, degustación de doces, baile don Judith Cundíns, e a pasarela de disfraces e o gran Condurso de Comparsas.

Completo entroido de Carballo

Entroido Carballo 2019 copia

O programa do entroido dura case máis dun mes en Carballo. Esta fin de semana toca celebración sabatina polas parroquias, da man das asociacións. Ás 17:00h en Sísamo, e ás 20:00h en Oza e Verdillo.

O Mago Álex dirixirá a Festa do Concurso e desfile de comparsas, carrozas e disfraces que terá lugar o 3 de marzo, dende as 18.00 horas, a actividade máis emblemática do Entroido carballés e un dos desfiles de máis tradición da comarca, que incrementou este ano a contía dos premios ata os 8.500 euros.

O Enterro da Sardiña é outra das actividades que máis público vai gañando cada ano. Celébrase o martes 5 de marzo, desde as 21.00 horas. Como en anteriores edicións estará coordinada pola Aula Municipal de Teatro, con que colaborarán Vagalume Animación, Cruz Vermella e a charanga Santa Compaña, que animará e acompañará a comitiva.

Sábado de Piñata no Entroido de Cee

Entroido Cee 2019 copia

Cee deixa para o sábado de Piñata o punto forte do entroido. O Concurso de Comparsas, un dos máis espectaculares da zona, onde poñen o broche de ouro as mellores comparsas de toda a contorna, celebrarase o sábado 9 de marzo. O desfile comezará ás 16:30 e o concurso realizarase no polideportivo.

Enterro da Mikaela de Buño

Enterro Mikaela Buno 2019

Unha das citas máis esperadas do ano pola mocidade bergantiñá é, sen dúbida, a Mikaela. Este Vía Crucis de bares pola capital oleira convírtese nun auténtico centro festexeiro, que recolle o mellor e o máis salvaxe da festa costeira.

Un dos enterros que convirten a Malpica na auténtica capital do Enterro Bergantiñán.

Máis información

Novas relacionadas

Comentarios