Mércores. 12.08.2020
El tiempo

Cando a vida chega ao seu fin en tempos de Coronavirus

Tanatorio A Xunqueira, doGrupo Bergantiños, situado en Cee.
Tanatorio A Xunqueira, doGrupo Bergantiños, situado en Cee.
Cando a vida chega ao seu fin en tempos de Coronavirus

Xa van semanas nas que o coronavirus inunda ata o máis mínimo recuncho da actualidade. Falamos de número infectados, falamos deses heroes e heroínas do sistema sanitario que están a facer o posible e case imposible por nós, coidándonos e curándonos, e tamén deses outros heroes que saen todos os días a pé de rúa para que o mundo poida seguir, todos os equipos de seguridade que velan pola nosa seguridade ou esas caixeiras do super, o panadeiro da esquina ou os empregados da gasolinera, que nos abastecen durante estes días de confinamento.

Mais, a pesar desta nova situación que nos toca vivir a todos, o mundo non para e xira só ao arredor do coronavirus. Por desgraza, a vida segue o seu curso, e a moitos tócallles que chegue ao seu fin, sendo a causa ou non do maldito virus.

Esta semana, o xornalista Nacho Carretero falaba nunha reportaxe en El País desas “despedidas pendentes”, e amosaba minuciosamente a frialdade e o desamparo que están a vivir moitas familias en Madrid polas novas medidas de prevencións instauradas nos velorios. Aquí na Costa, a cousa non nos queda á marxe, e xa foron varias familias que por desgraza tiveron que vivir isto mesmo nas súas propias carnes.

A pesar disto, segundo explica Ramón Vilar, quen traballa nas funerarias do Grupo Bergantiños, a xente está a comprender a situación moi ben. “O outro día tivemos un falecido en Cee que era moi coñecido e, por exemplo, o fillo ven alí 10 minutos. Dixo que quería ver ao seu pais e marchou para casa. Estiveron tamén a muller e outros dous fillos e non houbo máis xente en todo o día. Nun enterro que tivemos en Muxía igual, no cemiterio había 12 persoas. Hai moita xente que quere ir aos enterros a dar o pésame, pero non van porque comprenden que non se pode ir”, indica Vilar, que traballa en seis tanatorios da zona: Ponte do Porto, Muxía, Cee, Carnota, Fisterra e Muros.

Nestes momentos, o protocolo en canto ás funerarias, obriga aos seus traballadores a tomar as medidas pertinentes de prevención, coa utilización de guantes e mascarillas. Mais, como todo, o medo ao contaxio é evidente. “Claro, medo temos porque non sabes o que tevas encontrar. Andamos con guantes, mascarilla... pero tamén andan os médicos e mira cantos hai infectados”, afirma Vilar.

Dentro destas novas medidas instauradas, permítese velar aos falecidos mais tan só cun máximo de 15 persoas na sala. Posteriormente, non hai misa, polo que o defunto xa non pasaría pola igrexa e sería enviado directamente ao cemiterio ou ao crematorio.

Pola contra, en caso de que se producise a morte dalgún positivo en Covid-19, o protocolo cambiaría lixeiramente. “Nese caso o protocolo é ir con bata, guantes e gafas e despois debemos tirar e queimar a roupa que utilizamos. O defunto si que se pode velar, pero debe ir nun saco hermético e a caixa ten que ir pechada. Non se lle pode tocar nin nada”, explica Vilar.

Unha despedida, que tanto nun caso coma outro, está claro que sempre botará en falta ese arroupamento que che ofrece a xente. Todos os coñecidos, amigos e familiares que van a dar o seu pésame e que acompañan e axudan nestes duros momentos. 

comentarios