E chegou a Fase... 1,5?

Vimos a coñecer esta mañá, despois das declaracións do Ministro de Sanidade, que Galicia pasará o luns á Fase II deste desconfinamento. O BOE, o noso xa vello amigo BOE, trae novidades que se aplican desde hoxe a Municipios de menos de 10.001 habitantes, e cunha densidade de poboación menor a 100 habitantes por kilómetro (todos os da nosa comarca agás Fisterra, Cee, Corcubión, Carballo, Camariñas e Muros).
Sería isto como unha fase 1,5 para estes núcleos (consultar no BOE), a apenas 3 días de entrarmos na Fase 2 xa anunciada, e uns días despois de decretarse o uso obrigatorio das máscaras.
Adeus ás franxas horarias (pero non para todxs)
A primeira das medidas contidas na norma implica a eliminación das franxas horarias para menores de idade e para quen practique deporte non profesional.
Ademais disto, permítense os desprazamentos a 5 km do domicilio, e non xa coa limitación de 1 km.
Certo alivio para a hostalaría
Permítese tamén a apertura de bares e restaurantes para o consumo no interior dos mesmos. Isto é, xa non só na terraza.
Agora ben, esta medida non se aplica a discotecas e pubs. O ocio nocturno deberá agardar un pouco máis.
Medidas adicionais
O límite de persoas nos velorios ao aire libre pasa a 25, e en espazos cerrados a 15, conviventes ou non.
As igrexas e lugares de culto poden manter actividade ao 50%.
Tamén as bibliotecas recuperan parte da súa actividade.
E unha reflexión final
Tiñamos claro o que podía supor para nós a Fase 0, empezabamos a familiarizarnos coa Fase 1 e calculamos que en 3 días o país entrará en Fase 2.
Colocar unha Fase 1,5, cuns criterios de aplicación confusos e cun réxime de permisos/prohibicións híbridos a medio camiño entre dúas fases é, no meu parecer, contraproducente.
Se as cifras seguen a evolucionar como parece que o farán nos próximos dous días, teremos Fase 2 o luns. Cal é pois o meu consello? Esquecede esta Fase 1,5 e esquecede este artigo. Cando teñamos claro se se nos aplica ou non, teremos xa enriba outras normas, que desprazarán estas.
Como de aburrido sería todo se tiveramos as cousas claras e determinadas con tempo para nos adaptar! Orientarse nas normas do desconfinamento está pasando de "difícil" a todo un galimatías. A seguridade xurídica, a firmeza e a confianza... son valores en certo risco.
O #BOE de hoxe publica a flexibilización desde hoxe de certas restricións para #municipios ou #EntidadesLocais con menos de 10.001 habitantes e unha densidade de poboación inferior a 100 habitantes por quilómetro cadrado.https://t.co/TIDktUDazp pic.twitter.com/jycz3069Nt
— Depucoruna (@Depucoruna) May 22, 2020
- Miguel Vieito Villar. Avogado en exercicio e consultor. @MiguelVieito
Artigos explicativos de Miguel Vieito Villar
- Instrucións para a Fase 1.
- Fase cero: paseos, actividades deportivas e ámbito rural.
- Saídas á rúa de menores de idade: seis datos que debemos ter presentes.