A Deputación e 10 concellos intentan o impulso definitivo ao Parque do Megalitismo da Costa da Morte tras 20 anos de promesas
Fíxoo cunha reunión entre vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, cos representantes dos 10 concellos implicados (Laracha, Cabana, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas) celebrada no Forum Carballo.
A primeira aprobación foi a do orzamento de 350.000 € aprobado para xa mesmo para completar a compra de dolmens e menhires catalogados no territorio do parque. Como se acordou en anteriores xuntanzas, serán os propios municipios os que teñen que facer a tramitación de compra ou expropiación dos bens patrimoniais que serán adquiridos desta maneira co financiamento da Deputación por medio medio de convenios con cada un dos concellos.
Ademais da compra de patrimonio, o Comité de Dirección avanzou na necesidade de concretar un plan de sinalización de recursos ao tempo que se desenvolve o proceso de compra de terreos, divulgación e pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal.
”Queremos retomar con forza os traballos de consolidación do Parque do Megalitismo que experimentará un importante avance este ano coa adquisición de bens patrimoniais claves para o proxecto", sinalou Xosé Regueira.
Outra das decisións tomadas na reunión foi a renovación na presidencia do Comité de Dirección do proxecto, que pasa de Dumbría a Laxe.
O Parque
Son máis de 300 as mámoas, dolmens e outras construcións funerarias catalogadas na comarca. O Parque Arqueolóxico porá o foco en 14 dolmens: Pedra Moura de Aldemunde en Carballo; Casa dos Mouros en Dumbría-Vimianzo, A Fornella dos Mouros en Laxe; Pedra da Arca en Malpica; Mina da Parxubeira en Mazaricos; Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra de Lebre ou de Serramo, Mina de Recesindes, Rabós en Vimianzo; Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas.
Tamén serán tidos en conta o Menhir de Erboedo na Laracha e O Fuso da Moura en Ponteceso.
Dombate terá o seu propio Plan Director.
Novas relacionadas
- Decembro 21: A pandemia tamén provocou o eterno retraso do Parque do Megalitismo.
- Novembro 2018: O Parque do Megalitismo dá pasos concretos.
- Novembro 2018: O Parque do Megalitismo, cada vez máis cerca.
- Marzo 2018: A Deputación recupera do caixón do esquecemento o Parque do Megalitismo da Costa da Morte:
- 2014: O Parque do Megalitismo da Costa da Morte, 13 anos de quimera.
- Outubro 2011: Pasiño a pasiño co Parque do Megalitismo.
- Xullo 2008: Un paso máis cara a aprobación final do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte.