Entrevista a Pedro Trepat Silva, avogado da Plataforma Nunca máis no Xuízo pola traxedia do “Prestige”

  • “A actitude da fiscalía revela o seu nerviosismo, porque a proba pericial é clave na tese que defende o alonxamento do barco da costa”.

Pedro Trepat Silva e o seu despacho están persoados na causa polo desastre do Prestige en representación da Plataforma Nunca Máis.
Tralo debate onte a conta da proba pericial da discordia, a elaborada polo desaparecido enxeñeiro naval Santiago Martín, este xoves quixemos preguntar o avogado polas razóns dese rifi-rafe entre fiscalía e acusación de Nunca Mais.

O avogado da plataforma considera que a actitude da fiscalía no último día das vistas dedicadas a cuestións procesuais e verificación de probas é clara demostración do seu nerviosismo. Trepat considera que a proba esta viciada de base porque o perito que elaborou ese informe “participou no organismo chamado CECOP, presidido por López Sors (imputado no proceso)”.

“Ata tal punto isto é así“ insiste Trepat “que hai un auto da sala, da sección primeira, que di literalmente que evidentemente esa proba esta gravemente contaminada”. O letrado afirma que “o perito ocultou esa circunstancia as partes (a de ter formado parte do Centro de Coordinación de Operacións (CECOP) ) cando foi designado para realizar esta proba pericial xudicial.

Pero Trepat Silva vai aínda máis aló. O avogado considera que “ademais desa presunción de falla de parcialidade” sustentada nun auto da sala “O problema é que o perito faleceu sen que se puidera ratificar o informe en fase de instrución”. A clave neste asunto é sinxela. Segundo o avogado da Plataforma Nunca Mais o falecemento do perito antes de que se puidera ter ratificado a proba segundo a doutrina expresada “reiteradisimamente” polo Tribunal Constitucional, que indica que “para que unha proba así poida ser ratificada debe terse practicado respectando o principio de contradición. Obviamente, senón se lle puído preguntar ao perito, se as partes non o puideron cuestionar en fase de instrución, menos agora que, desgraciadamente, esta morto”.

Pero, por que tanta preocupación na Fiscalía ao fío desta proba?. Pedro Trepat cre que “é a única proba que avala, que apoiaba, a tese do alonxamento”.
“Poderiamos entrar a discutir si o perito era ou non recusable, pero o non ser valida a súa presentación no plenario, esta proba non se ratificou debidamente. O xeito correcto de ratificar a proba seria que no momento de seren presentada o xuíz tivera convocado as partes e puideramos ter sometido o perito a un interrogatorio pero isto non pasou e, lamentablemente, non vai poder pasar”.

A proba pericial elaborada polo enxeñeiro naval Santiago Martín Criado, falecido en Maio de 2011, é a única proba pericial xudicial adxunta ao sumario (unha proba así é solicitada a modo de asesoramento técnico polo tribunal e non ten que ver coas probas periciais proporcionadas polas partes) e de declararse invalida deixaría sen base argumental a tese da validez do afastamento do barco coma mellor medida a tomar naqueles momentos.

O avogado pregunta a fiscalía “en que folio do sumario está esa ratificación da proba coas partes persoadas” e considera que de seren aceptada “se falta o principio de contradicción”.

Fundado no 1984 polo propio Pedro Trepat, o bufete TREPAT Avogados con base en Compostela, conta cun importante equipo de profesionais e se encarga do seguimento deste proceso xudicial dende os primeiros momentos da plataforma Nunca Máis, nacida no momento da traxedia.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Os voluntarios que cambiaron a Costa

Fonte

    • José Luís Louzán (louzan@quepasanacosta.gal), enviado especial de QPC e GC.