Martes. 23.04.2024
El tiempo

Xuizo do Prestige, Día 1: Os acusados

Xuizo do Prestige, Día 1: Os acusados

Xa anunciamos que QPC fará un seguemento especial do Xuizo do Prestige, da man do noso colaborador e enviado especial ao xuizo José Luís Louzán. Aquí chega a primeira crónica, un día despois do comezo do macroxuizo.

Un seguemento especial que podemos levar a cabo gracias á colaboración de Suministros Lar, sempre comprometida co territorio e cos fondos mariños.

Suministros Lar colabora no seguemento especial do xuizo do Prestige con QPC

Xuizo do Prestige: Día 1

Puntual como un reloxo, no día fixado e do xeito agardado, esta maña se iniciaban en ExpoCoruña, o grande recinto feiral e de congresos da cidade da Coruña, as vistas polo xuízo da maior catástrofe medioambiental da historia de España, o accidente e posterior afundimento do petroleiro con bandeira das Bahamas.

Sentan no banco dos acusados catro persoas, mellor dito tres, dado que o entón primeiro oficial do buque, Irineo Maloto, de nacionalidade filipina se atopa en paradoiro descoñecido e será xulgado en rebeldía. Si pasaran polo xulgado acondicionado nas dependencia de ExpoCoruña os auténticos protagonistas da catástrofe, todos actores principais dos sucesos daquel mes de novembro.

En primeiro lugar Apóstolos Mangouras, o Capitán do Prestige.
Mangouras naceu en Icaria, unha pequena illa grega do mar Exeo e o seu currículo estaba limpo despois de 44 anos de servizo activo ata que chegou o accidente do Prestige. El asegura que fixo todo o posible por paliar as consecuencias tralo sinistro e argumenta que despois de 32 anos como capitán, exclusivamente ao mando de petroleiros de desprazamento dende 60.000 ata 450.000 toneladas, tiña sobrada experiencia para controlar o acontecido aquel 13 de Novembro de 2002.
Ingresou en prisión o 15 de novembro e saíu, a espera do xuízo, apenas catro meses despois. Durante todos estes anos tivo que presentarse diariamente en diferentes comisarías para estar localizable por orde do xuíz. Para el reclámanse 12 anos de prisión por atentado contra o medio ambiente, danos e desobediencia. Ademais, reclámanselle mais de 2.000 millóns de euros en indemnizacións que, obviamente, nin el nin as aseguradoras poderán sufragar.

Tamén imputado no proceso atopamos a José Luís López Sors.
El é o único cargo da administración  naqueles días que se senta no banco e tamén é o único que pagou polos erros presuntamente cometidos naqueles días e que derivaron na ruptura do navío e a posterior marea negra.
En realidade, era simplemente un técnico, non un político, un asturiano o que o seu paisano Francisco Álvarez-Cascos, entón Ministro de Fomento, tiña encomendado a Dirección Xeral da Mariña Mercante. López-Sors asumiu a orde de afastar o mercante, esto parece claro, pero en ningún momento descargou responsabilidades nin cara o seu xefe directo nin cara ningún outro membro da cúpula do goberno naqueles días.

Por ultimo, tamén imputado, o xefe de máquinas, Argyropoulos Nikolaos, tamén de nacionalidade grega. Probablemente de quen menos se sabe pero o que se lle imputan tamén presuntos delitos de desobediencia no momento critico de tentar arrincar as maquinas despois de que o barco, vítima do temporal, chegara a situarse a menos de 5 millas da Costa de Muxía.

Ademais, e nun criticado segundo plano, tamén pasaran polo proceso, iso si en calidade de testemuñas, varios dos cargos políticos os que, entre outros, o colectivo Nunca Mais, considera verdadeiros responsables “non procesados” do suceso.

 

Os máis destacados declararan xa en Xaneiro. Primeiro, o dia 17, Arsenio Fdez. De Mesa.
Era o Delegado do Goberno en Galicia e, como tal, o voceiro único da Administración nos primeiros días. A súa imaxe, de traxe impecable e pelo coidadosamente engominado, contrastaba coa dos mariñeiros estragado pola recollida do chapapote. O Goberno de Aznar decretara a inexistencia da marea negra e Fernández de Mesa puxo todo o seu empeño na tarefa. En Galicia, a súa figura saíu escaldada, pero nunca abandonou a política, como deputado no Congreso nos últimos nove anos e como estreito colaborador de Rajoy. O actual presidente nomeouno director xeral da Garda Civil.

Francisco Alvarez Cascos declarara o día 22 de Xaneiro. Non so non asumiu ningunha responsabilidade polos erros cometidos (a fin de contas era o Ministro encargado de protexer as costas do país de desastres deste tipo) senón que o Goberno galego, que naquel momento presidía Manuel Fraga, chegou a premialo coa concesión da Medalla de Ouro de Galicia.
A súa carreira política foi en declive, debido estritamente ao seu alonxamento da dirección do PP, que abandonou o pasado ano. Pero, con un novo partido, chegou incluso a presidir durante uns meses o Principado de Asturias, unha das comunidades afectadas entón polo chapapote.
Ó chegar a Audiencia Provincial, o 30 de noviembre de 2011, o expediente estaba formado por 359 tomos (230.315 folios en total), ademais de 25 caixas con pezas documentais.

A reclamación total por danos e prexuízos en materia de responsabilidade civil foi modificada pola fiscalía esta mesma maña, coincidindo con esta primeira sesión da vista oral e queda en 4.121,64 millóns de euros dos que é responsable civil subsidiario, en gran parte, o estado español.
Hai o redor de 1.500 prexudicados que reclaman, agrupados en 55 acusacións, asistidos por 70 avogados e representados por 27 procuradores.
A sala admitiu 140 testemuños e o xuízo alcanza carácter internacional porque o estado francés e 8 municipios daquel país están persoados na causa.

De tódolos xeitos hai menos reclamantes que nun principio porque moitos desistiron dada a enorme dilación no tempo do xuízo, ou por ter cobrado xa da Administración.

A Audiencia prevé que as vistas rematen ben entrado o mes de Abril ou Maio para que, en Setembro, se poda emitir un veredicto. Tratase do maior proceso na historia de Galicia e case de España e custará as arcas da Xunta, que insistiu en correr cos gastos do proceso, 1,4 millóns de euros.

 

Se ventilan neste proceso as responsabilidades dos imputados pero tamén poñer luz sobre os acontecementos daquel mes de Novembro. Esta semana as partes persoadas e a presidencia do tribunal estudaran as cuestións previas o inicio das declaracións e as peticións de proba dos avogados e non será ata o 13 de Novembro cando, no mesmo día en que se cumpran 10 anos do accidente que dou lugar a traxedia, a declaración do principal acusado, o Capitán do petroleiro Apóstolos Mangouras comece a ofrecer (ou non) as primeiras luces a un desastre que seguro que ten responsables directos. Aínda que non se senten no banco dos imputados. Veremos.

  • José Luís Louzán, enviado especial de QPC e GC.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Os voluntarios que cambiaron a Costa

Fonte

 

Comentarios