Mércores. 26.02.2020
El tiempo

Xuízo do Prestige, Día 2

Xuízo do Prestige, Día 2
Imaxe do xuizo do Prestige en ExpoCoruna-Foto- Jose Luis Louzan

Tan lento na instrución, tan veloz na execución. O que se estimaba que ía levar aló menos catro días se liquidou en dous.

Suministros Lar colabora no seguemento especial do xuizo do Prestige con QPC

O xuízo pola catástrofe do Prestige retomarase o próximo 13 de novembro coa declaración do capitán do petroleiro, Apóstolos Mangouras e dos outros dous acusados presentes, despois de que este mércores se rematara, moito antes do previsto, co trámite para as cuestións procesuais. A admisión ou non das testificais e de probas periciais achegadas polas partes deberán ser resoltas agora polo que será primeiro auto do tribunal.

A Sala fixara ata o 23 de outubro para as cuestións procesuais pero, finalmente, esta fase dábase esta maña por concluída.
Nesta segunda sesión as acusacións, Fiscalía, Avogacía do Estado, da Xunta e a defensa do ex-director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, rexeitaron a suspensión do xuízo tal e como formulara no primeiro día das vistas o avogado do capitán Mangouras diante da ausencia no mesmo da compañía “Universe Maritime”, xestora comercial do buque no momento do accidente.
"Non está porque non quere", foron as verbas exactas do fiscal designado, Fiscal de Medioambiente de Galicia Álvaro García quen tamén recalcou que a defensa do capitán grego quere "evitar ser xulgado polos tribunais españois". Varias partes, entre elas a Avogacía do Estado e a da Xunta reserváronse o dereito a exercer accións civís si non se executa a responsabilidade civil contra esta compañía.

A decisión de afastar o buque

Tamén houbo diferenzas entre Fiscalía e a representación de Nunca Máis no xuízo a conta da pericial presentada polo enxeñeiro naval Santiago Martín Criado (xa falecido) sobre a situación da estrutura do navío e a decisión de afastar este da costa.
A fiscalía considera que o letrado que representa a esta plataforma pretendeu dalgún modo “desprestixiar” esta proba, algo que o mesmo avogado, Francisco Fernández, negou alegando que o citado informe, que abala as teses partidarias da decisión tomada aquel mes de novembro de afastar da costa o buque estando este xa gravemente afectado na súa solidez estrutural, foi elaborado por un técnico dos que participou naquel gabinete de crise constituído polo goberno, unha circunstancia que, ao entender do letrado de Nunca Máis “podería ter influído” á hora de elaborar ese informe de xeito independente.

Cun argumento similar o avogado de Mare Shipping, propietaria do barco, criticou este informe que, na súa opinión, "púxolle ao Estado en bandexa poder crucificar ó capitán". Ademais o mesmo avogado afirmou, fronte as teses das acusacións, que o buque non estivo en ningún momento "en situación de abandono".
Segundo el, fronte o mal estado do Prestige que sosteñen a Fiscalía e diversas acusacións presentes na causa, a entidade Mare Shipping, propietaria e navieira do buque, defende a xestión técnica e comercial do petroleiro, que se tiña confiado, precisamente, a Universe Maritime, ausente no xuízo.
Sostén a navieira que "o buque tiña ao día os certificados, visitas e inspeccións do seu Estado de bandeira (das Bahamas) e estaba clasificado polo ABS (American Bureau of Shipping)" e que "as probas e inspeccións realizadas tralo afundimento non proporcionaron nada que acredite o mal estado do buque".

De tódolos xeitos, as partes rexeitaron a nulidade parcial do procedemento que pedía a defensa de Mangouras ou, no seu caso, o sobresemento da acusación por un delito contra o medioambiente, a principal das imputacións contra do capitán do Prestige.

Retomarase o xuízo dentro dun mes

Así as cousas, receso e espera ata que, case dentro dun mes, o día mesmo do décimo aniversario da traxedia, o Capitan Mangouras abra a quenda de declaracións e reanude as vistas no xuízo pola catástrofe do Prestige.

  • José Luís Louzán, enviado especial de QPC e GC.

Máis información

Novas relacionadas

Máis novas

Os voluntarios que cambiaron a Costa

Fonte

comentarios