As familias da Costa da Morte únense nunha concentración contra os recortes do servizo de pediatría

14:26 11/02/20
Este vindeiro venres 21 de febreiro, toca voltar á rúa. A Plataforma Non aos Recortes Pediátricos na Costa da Morte, máis unida que nunca, convoca esta concentración de protesta ás 19:00h na Praza 8 de marzo en Cee, “por un servizo de pediatría de calidade”.
É sabido por todo o mundo o estado do servizo na Costa da Morte, como berraron as familias esta pasada fin de semana na Manifestación compostelá.
A situación é verdadeiramente dramática nos centros de saúde da comarca:
- Fisterra conta un pediatra fixo, actualmente de baixa, sen cubrir. As familias teñen que desprazarse ao de Cee.
- No Centro de Saúde de Cee, a pediatra, que sufría un cupo case o doble do estimado pola OMS, marcha ao Hospital de Verín, e semella que o que ocupe a praza será o puericultor de Dumbría/Muxía.
- Dumbría e Muxía, que comparten profesional (dous días atende nun lugar e tres noutro) quedan pois sen o puericultor/a que levaba traballando coas familias, polo que a Área Sanitaria está buscando un profesional. Cando se pon de baixa, non se cubre e teñen que ir a Cee.
- En Vimianzo hai unha pediatra interina que pillou excedencia.
- O puericultor de Baio-Zas, atende, teoricamente, 3 horas, dous días en Zas e tres en Baio, pero durante o pasado mes de xaneiro, outro profesional e tras varias protestas da Coordinadora, atendeu un día en Baio (3 horas) e outro en Zas (3 horas). Cando hai baixa, como este mes de febreiro (está a axenda pechada todo o mes), teñen que desprazarse a Vimianzo.
- En Camariñas a puericultora fai tres días en Camariñas e dous na Ponte do Porto. Os/as nenos/as de Camelle van a Ponte do Porto.
Colleita de sinaturas
Mentres continúa aberta a colleita de sinaturas comarcal, outra iniciativa que une esforzos na reivindicación dun servizo de pediatría de calidade e permanente. A finais de mes farase un reconto dos máis de 30 puntos nos que teñen os papeis de recollida.
Novas relacionadas cos recortes en pediatría
- Febreiro 2020: A Costa da Morte tamén berrou por unha Sanidade Pública Digna en Compostela.
- Febreiro 2020: O BNG presenta mocións nos Concellos para dar solucións aos problemas de pediatría.
- Xaneiro 2020: A marcha das pediatras de Cee e Camariñas, e a baixa do de Fisterra, complican aínda máis o mapa pediátrico costeiro.
- Xaneiro 2020: O precario servizo de pediatría na Costa da Morte volve ao Parlamento Galego.
- 2020: As familias de Fisterra tamén se levantan pola falta de pediatra.
- Xaneiro 20: O PSOE carballés leva ao pleno a carencia de pediatras e falta de solucións por parte da Xunta.
- O 2020 comeza con novos recortes no servizo de pediatría de Zas.
- 2019: Como é o estado de saúde do servizo de pediatría en Cee?
- 2014: Por un segundo pediatra para Cee e Corcubión.