Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A pandemia tamén provocou o eterno retraso do Parque do Megalitismo

Recuperamos un manifesto do SEMESCOM, perfectamente válido a día de hoxe, de… 2005.
Parque do Megalitismo da Costa da Morte
Imaxe da portada da memoria do Parque do Megalitismo da Costa da Morte realizada pola Xuna en 2010
A pandemia tamén provocou o eterno retraso do Parque do Megalitismo

Moitas cousas leva paralizadas esa pandemia. O Parque do Megalitismo, xa acostumado a retrasos, tras 19 anos de espera, non ía ser menos. Hai xusto dous anos que a Deputación retomase o proxecto esquecido pola Xunta, dando un paso adiante, unindo aos Concellos (formando un grupo presidido polo alcalde dumbriés e deputado José Manuel Pequeño) e animándoos á expropiar os terreos dos 14 xacementos e 2 menhires, seguimos sen novidades.

”Os Concellos estamos pendentes de comezar a adquirir os terreos onde están os Bens, pero dende que comezou a pandemia, paralizamo todo, non fixemos xa ningunha reunión… A intención é retomalo en febreiro, pero veremos como vai a cousa. A ver se acaba este ano perdido dunha vez”, explícanos Pequeño.

Un repaso histórico

En 2001, da man da creación da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico, comezouse a debuxar o proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte. proxecto en 2005, cando en teoría debería ser unha realidade, a Xunta o adiaba… 7 anos. Despois, en 2008 aínda se declaraban como Bens de Interese Cultural os 14 megalitos e se aprobaba a Declaración de Impacto Ambiental. En 2010 a Xunta publicaba unha completa Memoria de 165 páxinas, pero non foi ata 2011 cando se aprobaba un orzamento de 4 millóns de euros. A idea era arrincar as obras en 2012 e rematalas en 2016

Por suposto nada sabemos deses 4 millóns, e de feito nada sabemos da Xunta, pois foi a Deputación a que recuperou o proxecto en 2018. Unha Deputación que espera retomar o proxecto en 2021, tendo en conta as dificultades deste 2020 cargado de urxencias.

Pero en todo caso, recollemos un documento que asinaba o Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM) en 2005, e que se modificásemos as datas podería valer perfectamente para os tempos de hoxe en día.

Manifesto do SEMESCOM (abril 2005)

O pasado 17 de abril, en declaracións á prensa, fontes da Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia confirmaban a demora de 7 anos máis, polo menos (ata o 2012) do PARQUE ARQUEOLÓXICO DO MEGALITISMO DA COSTA DA MORTE, anunciado no ano 2001 para estar rematado no 2005. Co maior dos descaros, os responsables desta Consellaría aseguran que para este Parque no ano 2004 estaban destinados 145.000 euros, que, non obstante “han ido a intervenciones de megalitos en toda Galicia; que se sepa no ha habido ninguna [intervención] en la Costa da Morte”.

O SEMINARIO DE ESTUDOS COMARCAIS PARA A PROMOCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DA COSTA DA MORTE –que precisamente tiña previsto a celebración dun Simposio sobre o Megalitismo neste verán próximo- non pode permanecer calado ante esta nova afrenta, e acordou manifestar á opinión pública o seguinte:

- 1º. Á Consellería de Cultura parece que non lle abondou con manter oculto cunha burda lona de plástico durante CATORCE ANOS (desde as escavacións de 1989) o máis emblemático monumento megalítico da Costa da Morte e de toda Galicia, o dolmen de Dombate -“secuestrando” inxustamente a contemplación da chamada catedral das antas galegas a milleiros e milleiros de visitantes de toda Europa e mantendo de maneira irresponsable as súas milenarias pinturas á intemperie-, senón que agora nos anuncia a demora por moitos anos máis do tantas veces anunciado Parque, que era agardado con gran ilusión en todo o territorio por consideralo o gran proxecto vertebrador do turismo cultural das comarcas que conforman este amplo territorio occidental que vai desde as terras de Bergantiños ás de Carnota e Muros.

- 2º. Esta decisión é un revés moi serio que pon ademais en perigo mesmo a existencia da maior parte dos monumentos, que se verán en perigo cun contorno agresivo, sen protección nin tutela efectiva da Administración. Por tal motivo, este Seminario vai presentar de inmediato unha firme protesta ante a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia por este inexplicable retraso, totalmente inxustificado. Agora que se anuncian as eleccións autonómicas, lembrámoslle ó Sr. Conselleiro que o Parque Megalítico fora promesa electoral do seu partido nas eleccións de 2001 co compromiso de telo realizado antes do 2005 (mesmo se incluíra logo no Plan Galicia). Rexeitamos que se xogue unha vez máis coas ilusións dunha zona economicamente tan deprimida, para a que se levan anunciando desde a Xunta grandes axudas e investimentos que despois nunca se concretan. ¡Abonda xa! ¡Xa está ben de tomarnos o pelo con tanta propaganda baldeira! Polo menos que non se insulte a nosa intelixencia.

- 3º. Na actualidade estamos asistindo a unha enérxica campaña mediática da Xunta de Galicia para esixirlle ó Goberno central o cumprimento do Plan Galicia. En cambio, vemos que a propia Xunta incumpre a súa parte do Plan para a Costa da Morte. ¿Qué forza moral pode ter o Goberno galego ante a opinión pública se el mesmo non dá exemplo cumprindo cos seus compromisos con esta zona que, malia ser a máis prexudicada polo vertido do infausto petroleiro, fora a menos favorecida polas medidas compensatorias que despois se anunciaron? A Administración autonómica leva tempo marxinando a Costa da Morte e este aprazamento sine die do Parque Megalítico é unha proba máis.

- 4º. Facemos lembranza dos máis representativos monumentos que figurarían dentro deste Parque Megalítico nunha senlleira ruta sen igual que atraería multitude de turistas de toda Europa. Malia o seu estado de abandono, chegan hoxe estudosos de todas as latitudes que se estrañan de que o Goberno autonómico permaneza de brazos cruzados sen poñer en valor esta riqueza: dólmens que figuran nas máis prestixiosas publicacións do Megalitismo europeo como a Pedra da Arca de Cerqueda (Malpica), a Pedra Moura de Aldemunde (Carballo), o de Dombate (en Cabana, verdadeiro “tótem” da cultura galega), a Fornela do Aplazaduiro (Laxe), a Arca da Piosa (en Zas, onde Pondal imaxinara a tumba do guerreiro Brandomil), Pedra Moura de Carnio (Vimianzo), Pedra Cuberta (Vimianzo, que investigaran en 1933 os Leisner, famosos arqueólogos alemáns), Pedra da Arca de Regoelle (entre Dumbría e Vimianzo, tamén investigada polos Leisner), a Casota de Berdoias (Vimianzo), a Mina da Parxubeira (en Mazaricos), etc., etc. Á Xunta de Galicia debera caerlle a cara de vergonza por manter este rico patrimonio desaproveitado e na máis absoluta desprotección.

- 5º. Facemos un chamamento a todas corporacións municipais de todo o territorio, así como ós diversos colectivos cidadáns (asociacións de empresarios, culturais, de veciños, etc.) para que manifesten a súa opinión publicamente e mesmo envíen escritos á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia reclamando o cumprimento dos compromisos adquiridos.

- 6º. Agora que en breve se vai entrar de cheo en campaña electoral retamos ós distintos partidos (en especial ó PP, BNG e PSOE) a que inclúan o cumprimento do Plan Galicia no tocante á realización de maneira inmediata do Parque Arqueolóxico do Megalitismo da Costa da Morte, como punto de partida ou eixe vertebrador dun ambicioso plan de turismo cultural que contribúa a sacar este amplo territorio da súa secular depresión económica. Como é lóxico, estaremos vixiantes para que quen se atreva a incluír tal compromiso electoral o leve a cabo na seguinte lexislatura se chega ó poder.

- 7º. Para demostrar a alta consideración que para todos nós ten toda esta riqueza arqueolóxica que de momento aínda conservamos, anunciamos que en breve iniciaremos os trámites para solicitar da UNESCO a declaración oficial de PATRIMONIO DA HUMANIDADE para os Monumentos Megalíticos da Costa da Morte, para o cal solicitamos o apoio e a colaboración de todas as asociacións das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, Fisterra, Xallas e comarca de Muros. Agardemos que a Administración autonómica que xurda das eleccións autonómicas neste xuño de 2005 –sexa da cor política que sexa- se sume e mesmo lidere esta iniciativa, que sen dúbida poñerá en valor en todos os foros do mundo este rico patrimonio que constitúe un dos principais recursos desta zona occidental de Galicia liderada polo cabo Fisterra, zona que ademais dos megálitos conserva outras riquezas patrimoniais (como os faros, os pazos, os castelos e fortalezas, as ermidas, as pedras lendarias, os hórreos e outras construcións etnográficas, a paisaxe natural, etc.) que ata agora ningún Goberno foi quen de potenciar.

  • Artigo asinado polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, en Vimianzo, o 22 de abril de 2005, publicado pola histórica revista finisterrae.org.
 

Novas relacionadas

Comentarios