Venres. 19.04.2024
El tiempo

O Parque do Megalitismo avanza coa organización dunhas xornadas e o acordo para sinalizar os 17 momumentos

Parque do Megalitismo Costa da Morte
Na xuntanza participaron representantes dos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas que participan no Parque Arqueolóxico do Megalitismo que se estende pola maior parte do territorio da Costa da Morte. En concreto, asistiron, ademais de Xosé Regueira pola Deputación e José Luís Pérez Añón polo concello de Laxe, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, o de Zas, Manuel Muíño; de Cabana de Bergantiños, José Muíño, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, o de Laracha, José Manuel López Varela; a concelleira de Malpica, Leticia Naya; a concelleira de Ponteceso, Noelia Varela e o concelleiro de Mazaricos, Jorge Villar.
O Parque do Megalitismo avanza coa organización dunhas xornadas e o acordo para sinalizar os 17 momumentos

Desta parece que vai. Tras 20 anos de promesas, parece que Deputación e os 10 Concellos implicados si van sacar adiante o Parque do Megalitismo. Un proxecto de posta en valor do noso patrimonio arqueolóxico para converse nun novo motor do turismo cultural.

Esta mañá de xoves celebrouse en Laxe (o alcalde Pérez Añón rexenta a primeira presidencia) entre para marcar as liñas de traballo inmediatas: o programa das xornadas que se desenvolverán en xuño e a sinalización que identificará algúns dos bens patrimoniais.

Megalitismo Costa da Morte reunion

Xornadas

A utilización do megalitismo como motor turístico-económico será o tema central das xornadas que terán lugar do 17 ao 19 de xuño e que se desenvolverán na Casa de Eduardo Pondal, no concello de Ponteceso e que incluirán no seu programa a visita aos principais bens patrimoniais da comarca.

As sesións servirán para presentar os avances nos estudos arqueolóxicos, estudaranse distintos modelos de intervención e proxectos de promoción tanto en España como en Portugal así como os obxectivos da consolidación do Parque do Megalitismo.
Ademais de conferencias, o programa inclúe a realización de visitas aos 17 monumentos.

O programa completarase con actuacións musicais, unha observación da lúa e o sol desde o Faro de Punta Nariga en Barizo, Malpica, visita ao xardín da Casa de Pondal ademais de encontros e outras accións en tres espazos de especial interese patrimonial no territorio como son as Torres do Allo, o Castelo de Vimianzo e o Forno do Forte, onde se desenvolverá a posta en común final e o remate das xornadas.

Sinalización do futuro parque

Na xuntanza puxéronse en común os distintos trámites que están a realizar os concellos integrantes co fin de adquirir terreos, conservar os monumentos, poñelos en valor e facilitar os accesos. Neste sentido, desde a Sección de Turismo da Deputación da Coruña dirixida por Xosé Regueira, trasladáronse os pasos dados no proxecto de sinalización e panelización do futuro parque, unha das accións máis demandadas polos concellos.

Ademais dos paneis, a proposta debe incluír a cantidade e ubicación de sinais de dirección homologadas desde a Autovía da Costa da Morte até chegar aos recursos; tamén desde estradas principais e secundarias.

Os 17 monumentos

Os recursos chave son esencialmente as tumbas monumentais ou dolmens, aínda que tamén se conservan dous megálitos encadrados dentro da tipoloxía menhir.

  • Carballo: Pedra Moura de Aldemunde.
  • Dumbría-Vimianzo: Casa dos Mouros ou Pedra da Arca.
  • Laxe: Fornela dos Mouros.
  • Malpica: Pedra da Arca.
  • Mazaricos: Mina da Parxubeira.
  • Vimianzo: Pedra Moura de Monte Carnio, Pedra Cuberta , Casota de Berdoias , Arquiña de Vilaseco, Pedra da Lebre de Serramo, Mina de Recesindes e Arca de Rabós.
  • Zas: Pedra Vixía, Arca da Piosa.
  • Cabana de Bergantiños: Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate.
  • A Laracha: Menhir de Erboedo.
  • Ponteceso: Menhir de Fuso da Moura.

 

Novas relacionadas

Outras novas sobre Patrimonio

Comentarios