Mércores. 23.10.2024
El tiempo

Piden crear liñas de transporte público para o alumnado de ensinanzas non obrigatorias da Costa da Morte

oscar insua no parlamento
oscar insua no parlamento
Piden crear liñas de transporte público para o alumnado de ensinanzas non obrigatorias da Costa da Morte

Volve o precario servizo de transporte público da Costa da Morte á palestra. Volve da man do BNG, que pide á Xunta crear liñas de transporte público  para o alumnado de ensinanzas non obrigatorias da Costa da Morte.

Foi o deputado Oscar Insua o que rexistrou unha iniciativa no Parlamento Galego solicitando un estudo “de forma urxente” para coñecer dito alumnado matriculado nos institutos da comarca que precisan transporte público desde as súas localidades no curso 2024-2025 

Entende dende o BNG que estudantado de Fisterra, Carnota e Camariñas son "os máis prexudicados pola inacción da Xunta".

 

O deputado nacionalista remarcou que a mobilidade en transporte público na Costa da Morte “é un auténtico desastre, un sistema desmantelado durante anos pola Xunta, sen planificación e sen adaptación ás necesidades reais da veciñanza, obrigando á xente a usar o coche”, e engadiu que "o alumnado de Camariñas non ten liña pra ir a Vimianzo, o de Fisterra vai enlatado a Cee cando non queda apeado, e os de Carnota chegan tarde a clase. Hai que dar unha solución a este despropósito antes de que comece o curso escolar".
 

Oscar Insua afirmou que “na Costa da Morte o transporte público está incluído na lista de servizos en perigo de extinción, e o pouco que queda está totalmente desmantelado”, e lembrou que son os alumnos e alumnas matriculados en calquera das modalidades de ensino non obrigatorio “quen máis sofren estas carencias, en concreto no I.E.S. Terra de Soneira de Vimianzo, no I.E.S. Agra de Raíces e no I.E.S. Fernando Blanco de Cee”.

Comentarios