As Plataformas presentan unha ILP para crear unha lei que salve a Atención Primaria

Este mediodía de mércores 22 de xuño 2022, a Plataforma SOS Sanidade Pública presentaba no rexistro do Parlamento de Galicia, unha Iniciativa Lexislativa Popular co obxectivo de promover cambios na lexislación sanitaria galega para “facer fronte á deterioración e desmantelamento da Atención Primaria, “o alicerce fundamental do sistema sanitario público galego”.
A Plataforma, na que están inserida, entre outras, a costeira Plataforma Pediatras e Matronas Xa, leva un longo traballo de denuncia pública e de recoillida de exemplos que demostran a necesidade de establecer, por lei, unha salvagarda que asegure que os gobernos de turno non poidan desmantelar a Atención Primaria, o primeiro eslabón da cadea sanitaria.
Fano despois de analizar a profunda crise no sistema sanitario público galego que deixa Feijoo tras 13 anos de mandato na Xunta. Unha crise que ademais deixa no aire o proceso de privatización que xa se está a desenvolver no noso país.
Mil exemplos
Os recortes de persoal e das súas condicións laborais cada vez mais inestables e precarias, a redución de orzamentos, a promoción da consulta telefónica e telemática sobre a presencial, o dimensionamento dos equipos profesionais, o peche dos Centros de Saúde Periféricos, a eterna falta de servizo de pediatría e de matronas no rural, o sometemento da primaria aos hospitais, o exceso de medicalización da atención abandonando a promoción e prevención de saúde…
Causas que provocaron consecuencias tremendamente graves como as listas de espera infinitas, as sesións de máis de 50 consultas diarias para un mesmo facultativo, a fatiga e frustación dese mesmo persoal…
Obxectivos da ILP
Por iso pide ao Parlamento que “debata e aprobe unha serie de medidas para garantir o acceso, da poboación á Atención Primaria, o fin das listas de espera, un nivel de persoal suficiente, garantir a equidade na atención, mellorar as condicionais laborais e a estabilidade do persoal, reabrir centros pechados, recuperar a autonomía de xestión da AP, dar participación real á poboación e desenvolver o modelo comunitario en colaboración con institucións e organizacións de cada localidade”.
Prazos
Agora as entidades teñen 3 meses para conseguir 10.000 sinaturas que apoien esta ILP para ser debatida no Parlamento. Aí tocaralle aos partidos propoñer propostas e votala. A sociedade civil xa terá feito un traballo exemplar.