Poesía (necesaria) contra os feminicidios

Rocío Leira
[Obituario]
Rocío Leira
Negreira: Concello de Negreira, 48 páxinas.
A primeira obra poética individual de Rocío Leira (A Pereiriña, Cee, 1979), logo da súa novela curta Universo Pitágoras (Biblos, 2013) e do conto infantil O becho que quería comer á avoa (Galaxia, 2015), chega co aval de gañar o IV Premio de Poesía que leva o nome do poeta negreirés Xosé Manuel López «Ardeiro» e leva por título [Obituario].
O libro, con Limiar do crítico literario Ramón Nicolás e cuberta ilustrada por Héitor Picallo, está editado polo Concello de Negreira, co apoio da secretaría xeral de Política Lingüística, porén as bases do certame só contemplan unha tiraxe reducida, da que se lle fai entrega de 150 exemplares á gañadora. Este feito e a escasa visibilidade, por mor dunha inaxeitada distribución, converten este poemario en marxinal como adoito sucede con outras obras poéticas da nosa literatura. E abofé que é unha mágoa que isto aconteza, nomeadamente con esta obra que acolle un discurso poético contra os feminicidios, unha doenza de sempre dolorosa e triste actualidade.
A construción do libro alicérzase nun percorrido cronolóxico que vai dende o 12 de xaneiro de 2015 até o primeiro de novembro dese mesmo ano. Son 41 poemas que testemuñan con nome e apelidos (ás veces só co nome ou coas iniciais e en tres casos con datos descoñecidos) a outras tantas mulleres reais que morreron por violencia sexista no estado español durante eses dez meses, de maneira que a data do seu feminicidio, o seu nome, a súa idade (a máis vella de 71 anos e a máis nova de 22) e o lugar do seu asasinato conforman o encabezamento de cada poema, coa veracidade duns datos tirados da prensa e que poden semellar fríos mais que converten esa friaxe en desacougantes evidencias do terror exercido contra mulleres de calquera clase ou condición.
Na maioría dos textos a autora opta porque a voz poética sexa a primeira persoa das propias mulleres asasinadas, nun exercicio de se situar (e de nos situar) nos seus pensamentos e nas súas reflexións íntimas antes de seren vítimas das súas parellas, a quen se dirixen nun diálogo xordo, mesmo interpelándoos con preguntas retóricas sobre as sempre inexplicables razóns da violencia ou anticipando desde o medo un funesto final: «Caio dentro do sono, premeditando / o instante exacto / no que hei de morrer».
En moitos menos textos ese suxeito devén nunha voz colectiva feminina, aínda que o contido non se afaste dos anteriores. A única excepción á voz das mulleres prodúcese no poema datado o 3 de maio de 2015 no que a barbarie do asañamento contra a vítima fai que desta volta sexa un sarxento da garda civil quen narre en primeira persoa o macabro achado: «atopeina tendida, / moldeando un chan inmenso de leucocitos».
Son versos tinxidos de dramatismo que as máis das veces describen o espazo físico das agresións como casa violenta, fogar atravesado ou directamente un inferno, mais tamén relatan a angustia da espera «tratando de averiguar / que agocha o teu rostro de veleno» ou o sufrimento en silencio. E así mesmo a deriva psicolóxica de moitas desas mulleres, que en ocasións desvelan un prometedor pasado en parella axiña transformado en espertar da besta: «Eu que nacín aberta ó entusiasmo (...) non sei como cheguei ser / muller / es / cin / di / da / do teu corpo».
Neste senso son varios os poemas que amosan a metamorfose producida desde unha iniciática relación de amor, mesmo idealizada e chea dunha tópica romántica, até a progresiva deteriorización. O breve poema datado o 27 de agosto de 2015 é unha boa mostra:
O noso amor pensou en ser ceo,
incluso mar,
pero só alcanzou a ser unha
caduca,
murcha,
podre,
podre podrísima mazá.
Rocío Leira é quen de converter a violencia machista das frías cifras estatísticas nun exercicio literario que busca reivindicar e perpetuar a memoria das vítimas, a única maneira de combater(mos) esa sensación de efémero acto de denuncia, como esas concentracións pouco numerosas que se suceden despois de cada feminicidio ou como o recanto que ocupan, cada vez máis pequeno e máis lonxe dos titulares dos noticieiros e dos xornais: «Mañá os diarios deitarán letras sobre os feitos / e en poucos días sobreviviranos / coma sosa cáustica, o silencio».
Sen unha linguaxe sobexo requintada, senón próxima do cotián, esta proposta poética necesaria que bate nas nosas conciencias incluso pode ser de moita utilidade para xerar actividades didácticas nos centros de ensino arredor, e non só, do 25 de novembro, data aprobada pola asemblea xeral da ONU como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
- Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Novas relacionadas
- Rocío Leira gaña o XX premio de poeslía Avelina Valladares cun poemario sobre o paro.
- Un poema de Rocío Leira gaña o certame de poesía da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi
- Sae a luz “Obituario”, o novo traballo de Rocío Leira
- Rocío Leira: “Escribir sobre o cancro sempre é difícil, pero se está orientado ó público infantil a dificultade é maior”
Artigos de Miro Villar en QPC
- O naufraxio do HMS Serpent na novela Cadeas (Premio Xerais 2013) de Xabier López.
- Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23/10/1898 – 1977).
- No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee.
- «A Virxe d’a Barca», un poema de Juan Bautista Armada Losada, Marqués de Figueroa editado en 1917.
- Coplas populares na nosa lingua no Programa de Festas de Cee, agosto de 1952.
- Adagio por outono.
- A xeira do Seminario de Estudos Galegos en 1936 a Fisterra.
- «Saúde e Terra, irmá(n)s!». Exposición conmemorativa do Centenario das Irmandades da Fala (1916 – 2016).
- A vinte anos I Encontro de Escritores e Escritoras da Costa da Morte, primeira actividade do Batallón Literario.
- O poeta maltés Stephen Cachia critica o peche temporal do Museo da Pesca de Fisterra.
- No natalicio do escritor emigrante muxián Victorino Abente Lago.
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (III).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (II).
- A Costa da Morte: poesía e paisaxe nos textos de Manuel María (I).
- Ceés / Ceesa e outras propostas filolóxicas polémicas en Xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega.
- Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López.
Novas relacionadas
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
- De pescos a montañeses. Os verdadeiros xentilicios da Costa da Morte.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.
- Miro Villar, un contacontos de primeira.
- Miro Villar espallou os seus haikus do Finisterrae Bretón pola costa ártabra.
- Miro Villar rebélase na charca da poesía para nenos.
- As Crebas de Miro Villar premiado como o Mellor Blogue Literario pola AELG.
- Miro Villar explica por que rexeita o Faro Nerio.
- Miro Villar: Estranxeiro na súa patria.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).