venres. 30.05.2025
El tiempo

O PP volve rexeitar no Parlamento acelerar a licitación do novo treito do corredor da Costa da Morte


 

Deputado do PP Roberto Rodriguez
O Deputado do PP Roberto Rodríguez respondeu á pregunta do BNG
O PP volve rexeitar no Parlamento acelerar a licitación do novo treito do corredor da Costa da Morte

É a autovía da Costa da Morte o "exemplo paradigmático do abandono da Costa da Morte" por parte do goberno popular da Xunta de Galicia. Así o entende o BNG, que vén de levar unha moción solicitando o desbloqueo da licitación do novo treito entre Santa Irena e a estrada AC-432 entre Vimianzo e Camariñas ao Parlamento Galego. 

Un treito de apenas 5,8km, xa de corredor (non de autovía) e sen enlace ao polígono de Vimianzo, que leva prometido dende 2020, cun prazo de execución que apuraba o final das obras antes do remate de 2023. Estamos a mediados de 2025 e nin se ten licitado o anunciado treito, e menos sabemos do tramo Calo-Berdoias (cuio desmonte xa foi realizado hai máis de 10 anos) e moito menos do Berdoias-Cee.

Pero o PP negouse a aceptar o compromiso de iniciar a licitación das obras neste primeiro semestre do ano, e moito menos a aceptar a esixencia da moción do BNG de desdoblar o proxecto e manter en características de autovía con doble carril, como si estaba formulado nas promesas iniciais de comezos de século...

Licitación do "corredor" "ao longo do ano"

O deputado coruñés Roberto Martínez, volveu aos 4 anos de goberno do bipartito para lanzar balóns fóra, esquecendo que o PP leva 16 anos de goberno dende aquela, e trouxo de novo á escea autonómica a política de Pedro Sánchez coa AP9. 

Sobre os retrasos sinalou que se trata dun "proxecto de gran complexidade" e recoñeceu o sobrecuste de 28 a 35 millóns de euros polo retraso das obras, chegando mesmo a culpar ao Concello de Vimianzo por "poñer atrancos" por pedir que o proxecto chegase ata Berdoias (como foi prometido), e que tivese un ramal ao polígono. Precisamente o 

Deixou claro que non vai haber desdoble da Vía de Alta Capacidade VAP Baio-Berdoias, pero asegurou que o goberno vai licitala "ao longo deste mesmo ano", "unicamente pendente da actualización de prezos e a necesaria un novo proceso de información pública", tendo 8 millóns de euros reservados nos orzamentos deste ano.

A autovía como "exemplo paradigmático do abandono da Costa da Morte"

Insua comparou os datos da propia Xunta sobre a intensidade de tráfico entre Cee e Berdoias, que no ano 2023 falaban dunha media de 9.750 vehículos, cos 9.881 entre Pontevea sur e Baloira (A Estrada), tramo para o que o Consello da Xunta vén de aprobar 31M€ para rematar a autovía que conectará a localidade Pontevedresa con Santiago de Compostela.  “Con números semellantes, a Costa da Morte ten que esperar 20 anos e o PP quere facer un corredor”, recriminou. 

"A Xunta de Rueda leva anos enganando a veciñanza da Costa da Morte", denunciou Ínsua, criticando a actitude dos sucesivos gobernos do PP que, desde o primeiro anteproxecto publicado no DOG en 2005 ata hoxe, foron recortando o trazado, reducindo investimentos e atrasando deliberadamente unha infraestrutura “clave para o desenvolvemento económico e a seguridade viaria da comarca”, recalcou. 

O BNG entende que !a historia da autovía da Costa da Morte é un exemplo paradigmático de abandono institucional, con múltiples concesións fallidas, modificacións de trazado e reducións do proxecto inicial. A Xunta chegou a recortar un 39% do percorrido inicialmente planificado (de 42 a 27 km), mentres apenas reducían un 17% o orzamento, deixando sen executar o tramo entre Baio e Berdoias".

E continuou poñendo en contexto o historial de prazos incumpridos do goberno do PP: "En 2020, o Goberno galego volveu anunciar a súa intención de continuar a obra coa troceada primeira fase Santa Irena – AC-432, pero optando por construír só un carril por sentido. A propia documentación técnica recoñece que é “moi probable” que nunca se leve a cabo o desdobramento, o que confirma", segundo Insua, “o engano sistemático ao que se somete á veciñanza da Costa da Morte elección tras elección”.
  
A día de hoxe, nin sequera está aprobado definitivamente o proxecto dos case 6 km entre Salto e a AC-432, e as alegacións presentadas en 2020 veñen de ser respondidas cinco anos despois, sen que haxa rastro da súa licitación na plataforma de contratos públicos da Xunta”, denunciou o deputado nacionalista. "Dúas décadas despois, segue sen completarse a Autovía Costa da Morte", sentenzan.

Máis novas


 

Comentarios