“As principais campañas sobre hábitos saudables en anuncios de refrescos ou galletas”
Este venres tivemos unha nova e interesante conversa, nos #DirectosQPC, arredor da Atención Primaria. Un sector que se supón o primeiro contacto do paciente co sistema sanitario, e polo tanto, como alicerce fundamental, debería contar cos recursos tanto humanos como materiais suficientes para garantir o seu funcionamento. Pero a pesar de levarmos 10 anos de recortes, poucas cousas cambian.
Para ver como está a sanidade pública galega dende dentro falamos con dous profesionais dos nosos centros de saúde, Alicia Barreiro Cambeiro, médica de Baio, e Fernando Cuadrado, médico en Camelle.
Hai unhas semanas as profesionais do Servizo de Atención Primaria de Vimianzo describen a súa precaria situación. Unha situación que corroboraba Alicia lamentando a política “Hospital-centrista” da administracións, e mesmo da propia carreira estudiantil.
Falouse moito das carencias en materia de recursos materiais (recoñeceron que tiveron case que mendigar camillas a veciños e concellos, por exemplo) e humanos, deixando claro que non é que non haia sanitarios suficientes, senón que moitos tiveron que marchar ante a inestabilidade, e precariedade dos contratos, ou por non facer atractiva a vida no rural. Habería que facer contratos con máis cartos e máis estables, que ademais repercutirían na calidade do servizo, ao provocar un maior coñecemento os pacientes.
Precisamente, ese coñecemento é fundamental para non “sobremedicar”, e para discernir mellor entre síntomas de patoloxías ordinarias e covid, para que as consultas teléfonicas teñan algo de sentido.
Unhas consultas telefónicas sobre as que reflexionaba Alicia, que considera “útiles” para algunhas cousas (cómpre actualizar os centros de saúde para ter tamén videoconferencias), pero non para todas. “Hai persoas maiores que están soas, e veñen case para falar con nós, e iso tamén é parte da atención primaria”, reflexiona Alicia.
Situacións que provocan días, nesta época na que se xunta a segunda onda do covid cos retrasos acumulados doutras patoloxías, con ata 58 consultas, entre atención domiliciaria, presenciais, teléfonicas, receitas, labores administrativas… “Facemos malabares” recoñecía Fernando, “para acabar o día e conseguir pechar a axenda”. E iso se non se cruza o covid polo camiño, que provoca unha urxencia máxima que obriga a cambiar todo. “Rematamos o día e é difícil pensar que o fixemos ben”, recoñece Alicia, dando conta de que os recortes provocan unha peor atención aos pacientes.
Todo isto provoca que non se poidan realizar traballos de prevención (apenas a campaña da gripe, e as medidas de hixiene anti-covid, poderían contar como tal), ata o punto que Cuadrado é claro: “As principais campañas sobre hábitos saudables en anuncios de refrescos ou galletas”.
Neste sentido propón que a Atención Primaria tería que facer unha “Intervención comunitaria”, falando cos centros de ensino, os traballadores sociais, os técnicos de deporte, coñecer os espazos naturais para a práctica de vida saudable… Pero é materialmente imposible con este nivel de estrés que levan os profesionais.
Uns profesionais que necesitan recuperar aquelas sesións de autocoidado que artellaron nos centros de Soneira, e que deberían ser obrigatorias en todos os centros.
Uns profesionais que son a clave para que non haia unha revolución social ante esta situación de continuos recortes que nunca teñen consecuencias electorais. E por que non as teñen? Cuadrado teno claro: “Pola profesionalidade dos sanitarios”.
Novas relacionadas
- As profesionais do Servizo de Atención Primaria de Vimianzo describen a súa precaria situación.
- As recomendacións do médico de Camelle para previr as vagas de calor.
- O médico de Camelle explica como e cando usar as “mascarillas” caseiras.