sábado. 24.05.2025
El tiempo

Remata xullo pero os eventos non acaban na Costa da Morte

Remata xullo pero os eventos non acaban na Costa da Morte
Xa temos posto un pé na última fin de semanade xullo e este xornal ten colapsado o email con tantas actividades, festas e eventos que se celebran. Ademáis das que temos publicadas na Axenda da Costa da Morte, aquí vai unha selección do que serán estes tres días, con festivo incluído. Do 24 de xullo ao 28 de xullo, non só Santiago de Compostela celebra as Festas do Apóstolo. En Cereixo, Vimianzo, celebran un festón. Ata o mesmo luns hai festa en Cereixo, cunha sorpresa para acompañar á Ciclón. O Pino do Val, en Mazaricos, celebra o seu San Antonio; tamén hai festa en San Cremenzo de Pazos, Zas. No eido cultural, o sábado ás 8 do serán, na Casa da Cultura de Corcubión, terá lugar a presentación do poemario de Xosé Iglesias: Transfusión Oceánica. Xosé Iglesias é mariñeiro e patrón dunha embarcación artesanal na Coruña, aínda que está moi vinculado á Costa da Morte, xa que é natural de Cee. Fai un tempo que ven de convertir os seus sentimentos de mariñeiro en poesía, transformando o salitre en versos. Laxe celebra este domingo a partires das 19.30 horas na praza de Ramón Juega, o XIII Certame da Canción Mariñeira. E a cita deportiva está no Ézaro esta fin de semana, onde se está disputando o Campeonato de España Cadete por clubes de volei praia. O deporte tomará tamén as rúas da vila de Cee o vindeiro sábado 26 de xullo. Dende as once da mañá ata as dúas do mediodía, están programadas varias actividades para todos os públicos. Como actividade lúdico-deportiva, de novo en Vimianzo propoñen unha viaxe no luscofusco polo patrimonio de Berdoias no que se visitará o seu dolmen (Casota de Freáns), petróglifos do Pedrouzo, igrexa, cruceiro, casa fidalga e demais exemplos de arquitectura tradicional. Os participantes sairán ás 8 da tarde do castelo e recoméndase levar lanterna e chaleco. Para inscribirse hai que chamar ao 981 716 354. A ruta guiada só custa 3 euros, autobus con desprazamento ida e volta incluído. Os nenos até 16 anos teñen entrada gratis. Tamén é un bo momento para visitar as Torres do Allo e os Batáns do Mosquetín, que ofrecen visitas guiadas e gratuitas.

Comentarios