O sector turístico ponse en proceso de “clusterización”
”Clusterización”
Os empresarios propoñen levar adiante a “clusterización do Sector na nosa comarca”, é dicir, crear unha entidade única, que comprenda os 17 concellos do Xeodestino para participar máis directamente no Ente Xestor do Xeodestino que é a CMAT (Costa da Morte Asociación Turística), e ter máis peso na toma de decisións para xestionar os distintos convenios coa Deputación e con Turismo de Galicia.
Así, esta reunión pode ser a primeira para acabar materializando “unha única asociación o peso importante da toma de decisións do noso Xeodestino, e poder dar así os pasos necesarios para ter os suficientes socios dos 17 concellos e poder tomar decisións para avanzar conxuntamente e non de maneira independiente cada Asociación”.
Promoción conxunta: #YoViajoPorCostadaMorte
Un dos motivos da xuntanza foi analizar a iniciativa posta en marcha hai 15 días por varios empresarios da hostalería da Costa da Morte nas Redes Sociais utilizando o hastag #YoViajoPorCostadaMorte, #EuViaxoPolaCostadaMorte. O grupo creado xa ten preto de 1.000 seguidores no Facebook. “O éxito da mesma deixa patente a necesidade de xuntarnos por fin en algo que se materialice poñendo en marcha campañas que dinamicen o turismo da Costa da Morte”, explican dende a APTMC.
”Logo do Covid vemos que temos unha necesidade apremiante de facer da Costa da Morte un destino único e seguro e unha promoción boa e coordinada é fundamental polo que entendemos que existe unha necesidade urxente de clusterización ou xuntar tódalas asociacións de turismo da bisbarra, para facer cousas en conxunto e tirar xuntos do Xeodestino”, valoran.
Motor de ventas
Outra das inquedanzas que formularon é a posibilidade de xerar un motor de ventas dos negocios relacionados co sector turístico collendo como eixe principal as empresas que sexan socias dalgunha das asociacións que decidan unirse nesta iniciativa e promover así a venta directa.
Colaboración municipal para manter limpo o Camiño dos Faros
Tamén propuxeron, cun presuposto xa solicitado, aos Concellos polos que pasa o Camiño dos Faros a limpeza do mesmo. “Esto supoñía un investimento de 2.000 € para cada un dos concellos polo que pasa a ruta, para poder realizar os traballos de limpeza nun dos principais reclamos turísticos que temos en Costa da Morte. “A iniciativa só recibiu como contestación o silencio por parte dos alcaldes e alcaldesas implicados, polo tanto, vemos que este ano o Camiño dos Faros estará ateigado de maleza sendo imposible o paso de sendeiristas. Unha decisión incomprensible tratándose dun produto importantísimo, e mais nesta situación post-Covid, necesaria para que sobrevivan moitos negocios da nosa zona”, lamentan.