Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As traballadoras do Consorcio endurecen a folga

Usuario do Centro de Dia de Cabana apoiando as traballadoras
Usuario do Centro de Día de Cabana apoiando ás traballadoras
As traballadoras do Consorcio endurecen a folga

Hoxe xoves non haberá folga nos centros de día e nas escoliñas dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Pero non é porque a precaria situación laboral das súas traballadoras vaia camiño de mellorar. Se non porque o sindicato convocante, a CNT, vai recrudecer as medidas ante as declaracións do Xerente do Consorcio, quen en comparecencia en sede parlamentaria indicaba que estaba a dialogar co Comité de Folga. Unhas declaracións que para o sindicado son “un auténtico escándalo” pois queren deixar claro “non existe a día de hoxe ningunha negociación nin vontade algunha de negociar” para tentar solucionar este conflicto, e cando ademais “Xunta e Consorcio están legalmente obrigados a negociar coas folguistas”, segundo lembran.

Así, desconvocan o parón deste xoves, para convocar unha nova folga, tamén indefinida, pero máis dura, con unha xornada completa cada dúas semanas. Tendo en conta os prazos legais esperan poder comezala a mediados de mes “con máis forza e determinación”.

As traballadoras "valoraron moi positivamente” as dúas xornadas de folga realizadas en defensa da continuidade dos seus postos de traballo, a pesar dos servizos mínimos abusivos decretados que actualmente continúan denunciados en vía xudicial. E tamén valoran o apoio que están recibindo das familias usuarias, volcadas cas protestas das súas coidadoras.

Ademais, apuntan datos esperanzadores: "os sindicatos do comité están conseguindo (xa hai varias sentenzas, de demandas presentadas por varios destes sindicatos, e de distintas provincias) a fixeza de traballadoras en fraude, en primeira instancia, nos xulgados”.

Mentres, segue a vida nos Centros de Día de Muros e Cabana, ou nas as escolas infantís de Zas, Ponteceso e Malpica, dende onde seguen querendo visibilizar este conflito froito da política laboral existente no Consorcio.

Novas relacionadas

Comentarios