As traballadoras do Consorcio endurecen a folga
Hoxe xoves non haberá folga nos centros de día e nas escoliñas dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Pero non é porque a precaria situación laboral das súas traballadoras vaia camiño de mellorar. Se non porque o sindicato convocante, a CNT, vai recrudecer as medidas ante as declaracións do Xerente do Consorcio, quen en comparecencia en sede parlamentaria indicaba que estaba a dialogar co Comité de Folga. Unhas declaracións que para o sindicado son “un auténtico escándalo” pois queren deixar claro “non existe a día de hoxe ningunha negociación nin vontade algunha de negociar” para tentar solucionar este conflicto, e cando ademais “Xunta e Consorcio están legalmente obrigados a negociar coas folguistas”, segundo lembran.
Así, desconvocan o parón deste xoves, para convocar unha nova folga, tamén indefinida, pero máis dura, con unha xornada completa cada dúas semanas. Tendo en conta os prazos legais esperan poder comezala a mediados de mes “con máis forza e determinación”.
Ademais, apuntan datos esperanzadores: "os sindicatos do comité están conseguindo (xa hai varias sentenzas, de demandas presentadas por varios destes sindicatos, e de distintas provincias) a fixeza de traballadoras en fraude, en primeira instancia, nos xulgados”.
Mentres, segue a vida nos Centros de Día de Muros e Cabana, ou nas as escolas infantís de Zas, Ponteceso e Malpica, dende onde seguen querendo visibilizar este conflito froito da política laboral existente no Consorcio.
Novas relacionadas
- 25-02-2021: Usuari@s dos Centros de Día e as Escolas Infantís amosan o seu apoio á folga das traballadoras.
- 19-02-2021: As traballadoras temporais do Consorcio valoran moi positivamente a folga a pesar dos servizos mínimos abusivos.
- Ducias de profesionais dos Centros de Día e Escoliñas da comarca póñense en folga.