#FERROATLÁNTICA
Os Traballadores de Ferroatlántica volven á rúa este venres
A pasada semana acodía unha representación de traballadores das fábricas de Ferroatlántica Cee-Dumbría-CCHH á manifestación da industria electrointensiva en Madrid. E este venres 31 de xaneiro, volverán concentrarse, ás 19:30h, diante do Concello de Cee. Así o acordou, por unanimidade, o Comité de Empresa, que tamén solicitou reunión co conselleiro de Industria para abordar a parada de unidades produtivas e instar á elaboración dun plan de viabilidade.
A concentración coincidirá co debate e votación no Pleno municipal dunha moción, presentada polo BNG de Cee, para instar o Goberno español á aprobación inmediata do estatuto do consumidor electrointensivo e o Goberno galego a que esixa o preceptivo plan de viabilidade á nova xerencia da empresa de ferroaliaxes.
Así mesmo, o comité acaba de solicitar unha reunión, á maior brevidade, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria para trasladar a preocupación que existe entre os traballadores e as traballadoras, tras a decisión de Ferroatlántica de parar unidades produtivas na fábrica de Cee. Pedirán a elaboración conxunta dun Plan de viabilidade.
Parada do forno 13
O Comité denuncia que Ferroatlántica SAU anunciou a parada do forno 13, alegando a baixa demanda e o alto prezo de produción, mentres se anticipa o arranque doutras unidades produtivas de similares características noutros plantas do estado. Para o comité “esta decisión é consecuencia directa da venda do complexo industrial e das centrais, que deixou as fábricas da Costa da Morte fóra do Grupo FerroGlobe pero supeditadas ás súas directrices, xa que é a compañía de Villar Mir quen establece o custe e a calidade da materia prima e quen marca a cantidade e o custe da produción a mercar”.
Ante as consecuencias sobre o emprego que poida ter a parada de unidades produtivas e “a incerteza que provoca a falta dunha tarifa industrial estable, predicible e competitiva” (argumento este que utiliza a empresa para xustificar recortes, a pesar de ser tamén produtora de enerxía), o comité “reclama, unha vez máis, á Xunta de Galiza que exerza as súas competencias e obrigue a Ferroatlántica a presentar un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes, o mantemento dos postos de traballo e que se respecte a cláusula esencial de vinculación da actividade das fábricas e da produción de electricidade”.
NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA
- Xaneiro 2020: Traballadores de Ferroatlántica viaxaron a Madrid á manifestación polo estatuto da Industria Electrointensivs.
- Decembro 2019: Ferroatlántica avisa de que o resultado da poxa enerxética pode provocar unha baixada da produción.
- Decembro 19: Ferroatlántica reclama unha tarifa eléctrica competitiva para as industrias electrointensivas.
- Poucas variacións no Comité tralas eleccións sindicais de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-CCHH.
- 17-10-19: A Xunta recoñece que Ferroatlántica si ten que presentar un plan de viabilidade como lle viña esixindo a CIG.
- 09-10-19: Ferroatlántica: Un novo martes ás portas do Concello de Cee.
- 02-10-19: A Xunta sobre Ferroatlántica: “O único que aconteceu nas últimas semanas foi unha transmisión de accións”.