Xoves. 10.10.2024
El tiempo

Varios proxectos da Costa da Morte participan na I Feira de Desenvolvemento Local de Afiprodel

Varios proxectos da Costa da Morte participan na I Feira de Desenvolvemento Local de Afiprodel
carel-feira-afiprodel Varios proxectos da Costa da Morte estarán presentes na feira de desenvolvemento local "A forza do local" que terá lugar o 27 e 28 de novembro e que está organizada pola Asociación Finisterrae de profesionais de desenvolvemento local (Afiprodel). Dentro deste evento celebraranse as xornadas técnicas "A Forza do local" cun amplo programa de encontros, relatorios, roldas de comunicación e mesas redondas que tratarán temas relacionados co desenvolvemento local. Na mesa "A forza do local, dimensións técnica e política" do sábado 28 de novembro participaran como relatoras as profesionais de desenvolvemento local dos concellos de Carnota e Vimianzo que forman parte da Xunta Directiva de Afiprodel. Tamén colaboran como presentadores e presentadoras das actividades destas xornadas axentes de emprego e desenvolvemento local de Camariñas, Mazaricos e Fisterra. Na exposición de boas prácticas que pode visitarse no Pazo da Peregrina o sábado dende as 10 ata as 20:00h atoparanse varias iniciativas de concellos e entidades vinculadas coa Costa da Morte. Esta exposición denominada "A Forza do local" percorrerá os concellos galegos durante todo o ano 2016. Na zona de carpas desta feira realizaranse actividades para o público visitante tanto para adultos como para nenos e nenas nas que tamén participan concellos e empresas da Costa da Morte. Proxectos participantes O concello de camariñas expón nesta feira o proxecto Man: mar, arte e natureza realizado en Camelle e cofinanciado polo GAC.3. Como boa práctica da posta en valor e comercialización turística da obra do artista Manfred Gnädinger. Ademáis de estar presente na exposición, Carmen Hermo comisaria da exposición permanente do museo de Man de Camelle realizará unha comunicación explicativa sobre este proxecto. Na zona de carpa o Museo de Man desenvolverá durante o sábado o obradoiro para nenos e nenas "Natureza e arte na caseta de Man". O concello de Vimianzo participa tamén en exposición, rolda de comunicacións de proxectos e degustación de receitas co proxecto Arqueogastronomía de recuperación da gastronomía castrexa/medieval e xeración de produto turístico. O público que visite a feira poderá degustar receitas baseadas na gastronomía castrexa e medieval. O Camiño dos Faros. Sendeiro GR. (Costa da Morte -A Coruña). Proxecto público-privado de posta en valor de recursos naturais forma parte das boas prácticas expostas, así como Restauramar da Fundación Lonxanet como boa experiencia dunha rede de restauradores pola conservación do mar. A artesanía da Costa da Morte estará representada na zona de carpa da feira por Olería Aparicio de Buño que realizará mostra en vivo de artesanía de barro en torno. Nesta zona o público que desexe visitar a feira ten entrada gratuíta e poderá degustar fabes de Lourenzá, tortas de Sarria, queixo do Cebreiro. Poderá participar en obradoiros de gravado ou ganchillo e coñecer artesanías, productos e servizos de empresas locais de Galicia moi vinculadas aos recursos dos territorios e que foron apoiadas e informadas polos profesionais de desenvolvemento local. O acto de apertura e benvida da feira realizarase no pazo da Peregrina ás 10:00h no que participarán o alcalde do Concello de Ames e o presidente da Deputación da Coruña e a presidenta de Afiprodel - Galicia. A continuación tamén participará a presidenta da Deputación de Pontevedra na mesa redonda das xornadas técnicas. Esta feira está cofinanciada pola Deputación da Coruña e na que colabora o concello de Ames. Os profesionais e persoas interesadas poden inscribirse ata o 25 de novembro na web da feira.  

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios