Venres. 19.04.2024
El tiempo

Xabier Ézara: A pandemia demográfica da comarca de Fisterra

Grafica despoboamento da comarca de Fisterra
Xabier Ézara: A pandemia demográfica da comarca de Fisterra

Queremos aproveitar o completo Traballo de Fin de Grao que Xabier Ézara Nogueira vén de presentar para rematar Ciencias da Educación e do Deporte na UDC. O ceense, acompañado polo titor Alberto José Pazo Labrador, realizouun exhaustivo “Análise do despoboamento rural na comarca de Fisterra”.

Un traballo que analiza as singulares tendencias demográficas dunha zona rural galega como a nosa, moi distintas do conxunto de España, pero que tamén pode ser engadido no marco do termo tan acaecido nestes tempos da “España Baleira”. Ézara pon o foco nos estragos que esta “pandemia demográfica” está a facer na contorna baseándose nas causas que o provocan e manifestando as consecuencias e danos que está a causar no groso dos seus habitantes.

Volve á segunda metade do século XX pero céntrase na evolución e as tendencias demográficas nos últimos 20 anos nos concellos de Cee, Corcubión, Dumbría, Muxía, Fisterra e cadansúas parroquias, identificando cales foron os máis afectados por este fenómeno, así como as causas e consecuencias que o despoboamento ten na bisbarra.

Poboación <=> Economía

Recolle datos demográficos das últimas décadas e os relaciona co eido económico: existe tamén unha estreita relación entre os concellos cunha maior renda bruta per cápita e os índices de despoboamento máis baixos, é o caso de Cee, Fisterra e Corcubión que manteñen os niveles de renda por riba dos 12.000, chegando aos 15.000 no caso de Corcubión, onde a renda per cápita aumenta ao distribuírse entre un número inferior a 2.000 habitantes. Na outra banda, atoparíamos os concellos de Dumbría e Muxía, os cales non superan o umbral dos 11.000 e son os que sofren un despoboamento máis acusado dentro da comarca.

Graficas sectores  Costa da Morte

Por sectores, fai unha interesante análise entre o peso da agricultura e a pesca e o dos servizos sobre a poboación: Podemos estabelecer relacións entre aqueles concellos máis despoboados como no caso de Dumbría e Muxía, coa súa pouca terciarización en comparación co resto, xa que os seus números apenas superan o 50% mentres que os outros concellos sitúanse no eido do 70%. Nesta mesma liña, tamén son os que máis dependencia do sector primario teñen arestora no área fisterrá, chegando ao 25% no caso de Muxía, polo que podemos afirmar que o tránsito dunha economía agraria a unha de servizos é un proceso aínda non rematado para algúns concellos. Fisterra e Muxía posúen un alto porcentaxe de emprego primario froito da súa grande actividade pesqueira de baixura, cunha importante infraestrutura portuaria e flota dedicada a esta actividade.

Posteriormente Ézara fai un estudo pormerizado Concello a Concello.

As causas e consecuencias

Unha das partes máis importantes é cando analiza as causas externas do despoboamento: Entre as causas externas que propiciaron o despoboamento da contorna e que á súa vez a illaron do eixe atlántico e dunha comunicación fluída coas cidades máis próximas, atópase a escasa rede de medios de transporte tradicionais e de infraestruturas que garantan maior facilidade de desprazamento. Estas circunstancias dificultaron historicamente o tránsito de persoas e subministracións á contorna pola vía terrestre, enmarcándoa nunha clara posición de desvantaxe.
Como exemplo desa falta de infraestruturas pon exemplos como o nunca executado Trens das 3C (Coruña-Carballo-Corcubión) ou a nacabada infraestrutura da denominada Autovía da Costa da Morte, cunha proposta ideada no comezo dos anos 2000.

Tamén sinala o peche das escolas, a caída de servizos sanitarios ou bancarios, consecuencia directa do despoboamento, puidendo ser tamén considerado causas.

En clave positiva remata o texto falando do ”efecto retorno” ou “neorruralismo” motivado por causas tan diversas como a perda de emprego, a volta ás actividades tradicionais, a volta ás orixes ou a redución de estrés.

Pronto traeremos outro traballo de fin de grao na mesma liña en QPC.

Novas relacionadas

Comentarios